Preto de 30 axentes da policía portuaria de Vigo melloran a súa formación co apoio da Xunta

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participaron xunto ao presidente da Autoridade Portuaria viguesa, Jesús Almuíña, no acto de entrega de diplomas do curso ‘Defensa persoal e intervención policial’

A iniciativa enmárcase no acordo de colaboración asinado entre as dúas entidades a comezos de ano e que lles permitirá formarse a outros 60 axentes nos vindeiros meses

Vigo, 18 de outubro de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participaron hoxe xunto ao presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Almuíña, no acto de entrega de diplomas aos 28 primeiros axentes da policía portuaria viguesa que realizaron o curso Defensa persoal e intervención policial co apoio da Xunta.

 

A acción formativa, de 12 horas de duración, foi impartida o pasado maio pola Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) nas instalacións portuarias viguesas. No seu decurso, o alumnado aprendeu técnicas de defensa persoal, cacheos e identificacións, entre outras.

 

A iniciativa enmárcase no convenio de colaboración asinado en marzo entre o Goberno galego e a Autoridade Portuaria de Vigo e que permitirá nos vindeiros meses formar outros 60 axentes, entre policías, xefes portuarios e xefes de servizo.

 

Na súa intervención, Santiago Villanueva destacou a importancia da colaboración entre a Xunta e a Autoridade Portuaria para garantirlle a mellor formación ao persoal encargado da vixilancia, a seguridade e a policía en zonas comúns das instalacións portuarias, así como da atención cidadá. Nesta liña referiuse ao labor da Agasp como centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias da comunidade.

 

Situada no concello da Estrada, a Academia imparte formación tanto nas súas instalacións como de xeito descentralizado. O obxectivo é facilitarlles aos diversos profesionais implicados na seguridade cidadá tanto a súa preparación inicial como a actualización de coñecementos e técnicas ao longo da súa traxectoria, cun amplo programa de formación continua.

 

De feito, só neste último trimestre do ano a Academia acollerá nas súas instalacións máis de 1.500 profesionais da seguridade pública, cun total de tres cursos semanais, a maiores doutras accións para persoal dos servizos de emerxencia

Imaxes relacionadas