O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo presidente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, José Santiso Miramontes, participou na inaguración do Congreso

Trenor destaca a celebración do VI Congreso Nacional de Ecoturismo como un punto de encontro para o sector para compartir estratexias

O representante do Goberno galego recalcou que “o turismo é o motor da nosa economía e ecoturismo é o noso obxectivo”

Bergondo (A Coruña), 18 de outubro de 2022 O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo presidente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, José Santiso Miramontes, participou esta mañá na clausura do VI Congreso Nacional de Ecoturismo “Cara a neutralidade en Carbono”, organizado pola Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, que comezou hoxe e rematará o venres no Pazo de Mariñán.

 

Trenor lembrou que “en maio de 2013 fíxose realidade o soño de 17 concellos, apoiados pola Xunta de Galicia coa declaración das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo como Reserva da Biosfera pola UNESCO que situou este privilexiado recuncho do mundo no mapa dos lugares onde a Natureza se transforma en arte”

 

O delegado da Xunta recalcou que “o turismo é o motor da nosa economía e ecoturismo é o noso obxectivo”. Neste senso, subliñou que “Galicia non se entende sen turismo, pero desde o Goberno galego non se concibe o turismo se non é desde unha perspectiva de respecto ao medio ambiente e a sostibilidade”. Por iso puxo en valor a celebración deste congreso nacional porque “é un punto de encontro do sector; como confluencia de intereses públicos e privados, nun esforzo conxunto para identificar necesidades e compartir solucións e estratexias para promover o ecoturismo”.

 

Neste senso, rematou apuntando que “España ten un enorme potencial como promotora do turismo favorable á biodiversidade e do desenvolvemento sensato dos espazos naturais, con Galicia á vangarda”.

Imaxes relacionadas