Rueda traslada ao presidente do Uruguai a colaboración de Galicia para potenciar as relacións comerciais ás dúas beiras do Atlántico

O presidente da Xunta interésase pola situación dos galegos en Uruguai e reafirma a vontade do Goberno galego por colaborar co futuro do Hogar Español e do patrimonio da Casa de Galicia en Montevideo

Coa reunión mantida con Lacalle, o mandatario galego pecha cinco días dunha viaxe que cualificou como “moi satisfactoria” polas oportunidades que ofreceu para ampliar as relacións entre os galegos e os seus irmáns ao outro lado do Atlántico e porque “constata a fortaleza da comunidade nestes momentos complicados”
 

Montevideo (O Uruguai),17 de outubro de 2022.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, trasladou ao presidente de Uruguai, Luis Alberto Lacalle Pou, a colaboración de Galicia para potenciar as relacións comerciais ás dúas beiras do Atlántico.

 

O titular do Goberno galego e o mandatario uruguaio mantiveron hoxe un encontro, encadrado na xira que Alfonso Rueda está a realizar por Suramérica, no que abordaron diferentes cuestións de intereses para ámbolos dous pobos, unidos por unha historia común e polos lazos de sangue aos que deu lugar a emigración. Entre outras cuestións, concordaron na conveniencia de afondar nas relacións comerciais en sectores de interese mutuo, como a agricultura, a industria forestal, a farmacéutico, o sector naval ou as grandes infraestruturas, que xa deron lugar nos últimos anos a frutíferas transaccións. Rueda amosou tamén a predisposición de Galicia a colaborar co Uruguai no desenvolvemento do sector pesqueiro aportando a súa experiencia e coñecemento na materia.

 

Lazos culturais e afectivos

Ademais das relacións comerciais, no encontro abordáronse, como non podía ser doutro xeito, as relacións históricas e os lazos que unen ao pobo galego e ao uruguaio e as colaboracións mutuas ás que deron lugar. Nese senso, Alfonso Rueda interesouse pola situación da colectividade galega no país -hai máis de 40.000 galegos residentes no Uruguai- e subliñou a vontade de reforzar a colaboración co Hogar Español de Montevideo e o futuro do patrimonio da Casa de Galicia para que sexa conservado e toda a sociedade uruguaia poida desfrutar del.

 

Ámbolos dous mandatarios concordaron tamén na necesidade de poñer en marcha iniciativas de mobilidade extracomunitaria no eido universitario, ante a posibilidade de recuperar este curso os intercambios interrompidos por mor da pandemia, así como das bolsas Beme para que os fillos e netos dos que un día emigraron poidan estudar un mestrado en Galicia co apoio da Xunta. Rueda, ademais, invitou a todos os galegos en Uruguai que queiran regresar á terra das súas orixes a botar man das axudas do Goberno galego para facilitar ese retorno.

 

O presidente do Goberno galego aproveitou o encontro para invitar ao presidente uruguaio a visitar Galicia da man dun Xacobeo moi especial que non só está batendo récords de afluencia senón que está a potenciar os lazos afectivos e culturais entre Galicia e Suramérica.   

 

Coa reunión con Lacalle, o presidente da Xunta de Galicia pechou cinco días dunha viaxe que cualificou como “moi satisfactoria” polas oportunidades que ofreceu para ampliar as relacións entre os galegos e os seus irmáns ao outro lado do Atlántico. Ao seu entender, permitiu “constatar a fortaleza da comunidade nestes momentos complicados”, e incidiu na necesidade de retomar con asiduidade estes contactos interrompidos pola pandemia porque os colectivos de galegos no exterior “o agradecen e o reclaman”.

 
 

Imaxes relacionadas

Sons relacionados

  • Declaracións do presidente da Xunta de Galicia