A Xunta presenta a XVI edición da campaña de Outono Gastronómico na Casa de Galicia en Madrid

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, realizou a presentación da campaña xunto ao director da Casa de Galicia, Juan Carlos Serrano
 

Nesta campaña participan 73 casas rurais que ofertan 2 menús diferentes que inclúen na súa composición produtos galegos con certificación de calidade
 

Madrid, 17 de outubro de 2022 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto ao director da Casa de Galicia, Juan Carlos Serrano, presentou esta mañá a edición número 16ª da campaña “Outono Gastronómico” na casa de Galicia en Madrid, onde puxo en valor o éxito desta iniciativa grazas á que se da a coñecer a calidade da nosa gastronomía.

 

Nesta edición da campaña participan 73 casas rurais das catro provincias galegas, que ofertan ata o 18 de decembro, dous menús deseñados especificamente para a campaña, incluíndo na súa composición produtos galegos con certificación de calidade. Dos 73 establecementos participantes, 22 encóntranse na provincia da Coruña, 19 en Lugo, 17 en Ourense e 15 en Pontevedra.

 

Segundo explicou Nava Castro, esta edición mostra a relevancia que ten a campaña, tanto por parte dos locais colaboradores como do público que, ano a ano, participa nesta difusión da nosa oferta turística ao redor do ámbito rural.

 

Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia destacou que esta cita é unha gran oportunidade para a promoción de produtos singulares da gastronomía de Galicia así como das 5 denominacións de orixe dos viños e os licores tradicionais da nosa Comunidade.

 

Neste senso, Castro destacou o poder desestacionalizador e diversificador desta iniciativa, xa que permite visibilizar e poñer en valor a riqueza dos nosos recursos rurais.

 

Toda a información sobre a campaña, establecementos adheridos e modalidades pode consultarse na web de Turismo de Galicia.

Imaxes relacionadas