A Xunta inicia en Ferrolterra os cursos para mellorar as capacidades dixitais e incrementar as oportunidades laborais das mulleres no rural

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, deu esta mañá a benvida ás 20 participantes no curso de Fene, un dos primeiros que se desenvolven na comarca
 

A Consellería de Promoción do Emprego e a igualdade inviste 5,2 M€ nesta iniciativa coa que pretende axudar con preferencia a mulleres desempregadas e residentes en concellos con menos de 30.000 habitantes
 

Fene (A Coruña), 17 de outubro de 2022  A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Fene, Juventino Trigo, deu hoxe a benvida no Centro Municipal de Servizos Sociais da localidade, ás 20 participantes nun dos primeiros cursos que se están a impartir en Ferrolterra do novo programa de capacitación dixital para mulleres rurais que pon marcha este ano a Consellería de Promoción do Emprego e a Igualdade.

O novo programa, no que se están a investir 5,2 millóns de euros, financiados con fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, está centrado na capacitación dixital en distintos niveis e na formación para o emprendemento e dirixido, con prioridade, a mulleres desempregadas e con residencia en contornas rurais, en concreto en municipios con menos de 30.000 habitantes. As mulleres traballadoras ocupadas tamén poderán acceder a esta cualificación, sempre que estean inscritas como demandantes dunha mellora de emprego e as prazas non se cubran coas primeiras.
 

“Con esta iniciativa o Goberno galego pretende mellorar a cualificación das persoas participantes no programa, ofrecer maiores oportunidades de inserción ás mulleres da contorna rural e favorecer o seu emprendemento, sen que a fenda dixital lles supoña unha limitación”, explicou a delegada territorial.

Xunto ao curso de Fene, tamén se puxeron en marcha outros nas Pontes e Pontedeume. Son os primeiros que se inician na comarca aínda que a previsión é ir incrementando o número de municipios participantes ao longo do ano.
 

A Xunta prevé que un total de 10.034 mulleres poidan ver melloradas as súas competencias dixitais e para o emprendemento. Destas 4.014 se corresponderían coa provincia da Coruña.

As acción formativas distribúense nun total de 45 horas en modalidade presencial ou aula virtual, a través do Campus de Formación para o Emprego do Goberno galego. Inclúen módulos de competencias dixitais básicas e avanzadas, e dirixidas especialmente ao emprendemento; así como cinco horas de formación transversal en materia de igualdade.
 

As participantes na iniciativa realizarán un itinerario formativo deseñado para avanzar desde un nivel básico de competencias dixitais ata un grao avanzado que ademais permitirá ás mulleres iniciarse, se así o desexan, en competencias dixitais para o emprendemento. Ao termo do curso serán agasalladas cun dispositivo portátil no que poñer en práctica o aprendido.

As persoas interesadas en participar poden informarse da iniciativa no portal de emprego da Xunta, onde tamén se tramitan as inscricións.
 

Este novo programa enmárcase no Plan Emprega Muller que a Xunta está a desenvolver este ano cun orzamento de 35,8 millóns de euros. No mesmo se inclúen apoios integrais para a formación, o acceso, o mantemento, a consolidación e a promoción profesional das mulleres galegas, nos que se presta especial atención á formación en sectores con subrrepresentación feminina.

 

Imaxes relacionadas