Fernández-Tapias salienta a “excelente iniciativa social” do festival de cine inclusivo de Vigo que rende homenaxe póstumo ao director Roberto Pérez Toledo
A delegada da Xunta en Vigo participou este luns na presentacion do certame cinematográfico que arranca cunha retrospectiva do cineasta canario
O Cine Salesianos, o MARCO e o Auditorio Municipal acollerán esta semana a proxección dun total de 47 cintas
Vigo, 17 de outubro de 2022.- A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este luns na presentación do VII Festival de Cine Inclusivo de Vigo que se abre este martes no Auditorio Municipal cunha retrospectiva do director canario Roberto Pérez Toledo.
O certamen comeza este martes e finaliza o sábado 22 tras a proxección de 47 pezas audiovisuais en tres emprazamentos diferentes: o Auditorio Municipal, o Museo MARCO e o Cine Salesianos. As proxeccións divídense en catro categorías a concurso e todas elas son de acceso libre ata completar aforo.
A cita, que forma parte da listaxe de festivais audiovisuais subvencionados pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a través da convocatoria anual da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), conta cunha importante presenza do cinema galego nas súas diferentes seccións.
Ademais, o certame tamén servirá para presentar o documental autobiográfico de Gonzalo Suárez, co-director do festival, que conta como entrar no equipo de balonceso Amfiv cambioulle a vida, despois de quedar en cadeiras de rodas por un accidente.
No acto inaugural do festival, proxectaranse dous filmes do director Roberto Pérez Toledo: ‘Seis puntos sobre Emma’ (2011) e ‘Lugares a los que nunca hemos ido’ (2021) e se lle fará entrega, a título póstumo, do premio honorífico do festival ao director canario. Pérez Toledo, que faleceu este ano, quedou aos 14 anos en cadeira de rodas e é unha referencia do cine comprometido coa defensa dos dereitos da comunidade LGTBI+.