A Xunta apoia o labor de sete entidades a favor da igualdade e a non discriminación das persoas LGTBI

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou convenios con sete asociacións que representan ao colectivo LGTBI na comunidade para impulsar medidas a prol da diversidade e contra a LGTBIfobia
 

Galicia é referente na consolidación do principio de igualdade para as persoas LGTBI por contar cunha lei contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero e cun Observatorio sobre a materia que dá voz ás organizacións
 

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2022

  A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou convenios con sete entidades que representan en Galicia ás persoas LGTBI co obxectivo de impulsar na comunidade iniciativas a favor do fomento da igualdade de oportunidades e da non discriminación.

O Goberno galego destina a estas colaboracións un investimento global próximo aos 40.000 euros cos que levar a cabo actividades e programas dirixidos á promoción social e o fomento entre a cidadanía dunha cultura baseada na igualdade de oportunidades, a visibilidade, a sensibilización e a non discriminación das persoas LGTBI.

Entre outras iniciativas, neste marco de cooperación, as entidades poderán poñer en marcha campañas de información social ou programas orientados á normalización da sexualidade e a diversidade. Tal e como resaltou Lorenzana, tamén se apoiará a elaboración de material didáctico que contemple a realidade do colectivo e das súas familias, o dereito á diferencia, a diversidade, a igualdade de oportunidades e contra a LGTBIfobia; ou actuacións para previr e intervir ante condutas de discriminación ou posible acoso, violencia de xénero e/ou maltrato infantil.

As sete organizacións (unha máis que no ano anterior) coas que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade acaba de firmar os convenios son: Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña (Alas Coruña), Asociación de familias de menores trans de Galicia (Arelas), Avante LGTB,  Asociación Comité Ciudadano Antisida da Coruña (Casco), Asociación de mujeres para la igualdad y visibilidad lésbica Les Coruña, Asociación Nós mesmas e Asociación Pvlse Vigo LGTBIQ+.

A Xunta de Galicia mantén un firme compromiso na loita contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero que aborda de xeito transversal. Ta e como recordou a conselleira, Galicia é referente nesta materia por contar cunha lei propia que consolida o principio de igualdade para as persoas LGTBI e cun Observatorio contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero que acubilla ás principais entidades do colectivo. “É de resaltar que o Observatorio dá voz a todas as organizacións que queiran incorporarse e que defendan os intereses da comunidade LGTBI”, especificou Lorenzana.

Coñecer a realidade LGTBI

Na actualidade está en proceso un estudo que elabora a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade sobre a situación laboral das persoas LGTBI “para poder coñecer esta realidade e poñer en marcha medidas en colaboración coas empresas para facer fronte e/ou detectar posibles situacións de desigualdade”, especificou Lorenzana.

Por outra banda, o departamento que dirixe María Jesús Lorenzana e o Consello da Cultura Galega veñen de poñer en marcha o Foro de Identidades e Disidencias Sexuais, un espazo pioneiro que permitirá actualizar a información sobre as necesidades das persoas LGTBI para darlles unha resposta axeitada e previr as condutas violentas contra o colectivo. 
Ambas as dúas entidades lanzaron tamén este ano unha mostra divulgativa e itinerante, que percorre centros educativos galegos para dar a coñecer, sen prexuízos, nin estereotipos, a historia do movemento LGTBI en Galicia.

Imaxes relacionadas