O presidente da Xunta interveu na cea do 64 aniversario do Centro Pontevedrés Social y Deportivo de Montevideo (O Uruguai)

Rueda tende a man aos galegos do exterior para escoitar as súas necesidades e ofrecer oportunidades como os incentivos ao retorno

Amosa o compromiso da Xunta con aqueles que queiran beneficiarse dos incentivos para a posta en marcha de negocios ou para completar a súa formación en Galicia
 

Destaca a “galeguidade” de milleiros de familias no Uruguai e o seu importante labor por manter viva a cultura e as tradicións do outro lado do Atlántico
 

Durante o primeiro día da súa viaxe a Montevideo, o presidente participou nunha reunión coa Asociación Española de Socorros Mutuos para agradecer a súa colaboración á hora de ofrecer atención aos españois e galegos no país

Montevideo (O Uruguai),16 de outubro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tendeu a man aos galegos do exterior para atender as súas necesidades e ofrecer oportunidades para incentivar o seu retorno.

 

O titular do Goberno galego participou na cea do 64 aniversario do Centro Pontevedrés Social y Deportivo de Montevideo, un acto no que tamén estivo presente a vicepresidenta do Uruguay, Beatriz Argimón, e o alcalde do municipio C de Montevideo, Jorge Cabrera. Rueda gabou a “galeguidade” dos máis de 40.000 residentes no Uruguai e, neste sentido, valorou como “exemplo de entidade” ao Centro Pontevedrés no seu labor como sede para manter viva a cultura e as tradicións galegas do outro lado do Atlántico.

 

O presidente amosou o compromiso da Xunta cos galegos no exterior que queiran beneficiarse de oportunidades empresariais ou de bolsas para que poidan retornar e cursar un máster ou un ciclo de Formación Profesional en Galicia.

 

Entre as responsabilidades do Executivo autonómico, sinalou Alfonso Rueda, está a de “corresponder o moito que fixestes por Galicia” desde a distancia ao longo dos anos. “É o momento de abrir aínda máis as nosas portas. Non hai maior homenaxe aos galegos que fixeron a súa vida fóra que poñer á súa disposición todo o noso apoio”, concluíu.

 
 

Benestar dos galegos no Uruguai

 

Logo de dúas xornadas na Arxentina nas que formou parte de encontros con representantes de sociedades galegas e institucións de América do Sur, o presidente da Xunta desprazouse ata a capital do Uruguai.

 

Durante este primeiro día en Montevideo asistiu a unha reunión coa Asociación Española de Socorros Mutuos, un acto no que aproveitou para agradecer a súa colaboración e o seu papel como “institución histórica e piar do benestar dos galegos no Uruguai”.

 

De xeito especial, Rueda referiuse ao acordo que alcanzou este sociedade co Hogar Español para facerse cargo da xestión da institución. Deste xeito, a Asociación Española de Socorros Mutuos encárgase de “prestar uns coidados especializados vitais aos maiores aquí residentes, moitos deles galegos”.

 

Imaxes relacionadas