A Xunta defende que Galicia sexa “a capital do rural feminino” pola presenza e o peso da muller no noso agro

José González sinalou que as mulleres galegas “son as gardiás da terra” e a súa importancia ponse de manifesto porque -sinalou- “sen mulleres rurais non habería historia de Galicia”
 

Afirmou que para a Xunta o primordial é “avanzar da man de todas, seguir cultivando o feminismo, limpar o camiño da igualdade e desenvolver o noso rural en equidade”
 

A celebración do evento enmárcase nas medidas desenvolvidas por Galicia no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e como resultado da colaboración entre as consellerías de Promoción do Emprego e Igualdade e do Medio Rural
 

Vimianzo (A Coruña), 15 de outubro de 2022 

“Galicia debe ser a capital do rural feminino”. Así o defendeu o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a súa intervención na clausura da xornada Alma Rural 2022, organizada pola Xunta co gallo do Día Internacional da Muller Rural, que se celebra hoxe. O evento, que se desenvolveu no pazo de Trasariz, en Vimianzo, contou tamén coa presenza da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella. 

 

No acto de clausura, o conselleiro definiu esta xornada internacional como “un día moi galego” porque, “por idiosincrasia e filosofía, é un dos días máis relevantes para Galicia”. Neste sentido, fixo referencia a Rosalía de Castro como figura senlleira e referente para o país e afirmou que a escritora galega por antonomasia permitiu constatar que “a muller galega sente a terra baixo os seus pés dun xeito especial”.

 

Gardiás da terra

Nesta mesma liña, José González sinalou tamén que as mulleres “son as gardiás da terra” e a súa importancia ponse de manifesto porque -sinalou- “sen mulleres rurais non habería historia de Galicia”. Ao tempo, o conselleiro puxo en valor a muller rural como “loitadora, innovadora, formada, dinámica e emprendedora” e salientou ademais que “sostén o ceo cunha man, para cultivar a terra coa outra”. O seu papel, salientou, é o de “cultivar paisaxe, espírito, cultura, historia e traxectoria dunha comunidade que é profundamente rural e profundamente feminina”, remarcou.

 

Neste contexto, González afirmou que para a Xunta o primordial é “avanzar da man de todas, seguir cultivando o feminismo, limpar o camiño da igualdade e desenvolver o noso rural en equidade”. Por iso, trasladou, trabállase no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que entre outras moitas medidas fixo posible a celebración deste evento, froito da colaboración entre as consellerías de Promoción do Emprego e Igualdade e do Medio Rural.

 
Presenza da muller no rural

De feito, dixo tamén o conselleiro, “todas as políticas do rural de Galicia son representativas da presenza da muller neste ámbito”. Unha presenza que -engadiu- é maioritaria, xa que o número de mulleres titulares de explotacións agrogandeiras na nosa comunidade supera o 50 %, moi por riba do 22,6% da media nacional.

 

Isto está presente, destacou tamén González, nas axudas do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia, que apoian con investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para persoas agricultoras mozas ou para o desenvolvemento de pequenas explotacións, xa que ser muller, dentro dos criterios de prioridade, conta con ata dous puntos a maiores. O conselleiro concluíu que todas estes elementos explican que Galicia sexa capital do rural feminino e, en definitiva, “capital das mulleres rurais”.

Imaxes relacionadas