A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe o concello da Illa de Arousa

A Xunta presenta a orde que establece os usos permitidos no illote Areoso e regula por primeira vez o acceso diario de embarcacións e persoas

Ángeles Vázquez salienta a necesidade de garantir a conservación dos hábitats e das especies de flora e fauna silvestre que atesoura este conxunto de illotes
 

En tempada alta permitiranse ata 20 fondeos e 50 persoas por cada unha das quendas -mañá e tarde-, mentres que en tempada baixa o límite será de 10 fondeos e 20 persoas
 

Prohíbese a acampada, a caza e pesca recreativa, así como o emprego de aparellos de son que perturben o hábitat
 

O documento someterase a exposición pública para recibir achegas a partir do día 18 de outubro e ata o 8 de novembro co obxectivo da súa posible entrada en vigor a vindeira Semana Santa

 

A Illa de Arousa (Pontevedra), 15 de outubro de 2022  A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou hoxe a orde que establece os usos permitidos no arquipélago dos Guidoiros e da illa da Rúa e regula por primeira vez o acceso diario de embarcacións e persoas.

Durante unha visita ao Concello da Illa de Arousa, na que estivo acompañada polo alcalde, Carlos Iglesias, e por representantes da Organización de Produtores de marisco e cultivos mariños da provincia de Pontevedra (OPP–20), Ángeles Vázquez incidiu en que esta nova orde ten por obxectivo establecer as normas relativas ao uso público e actividades recreativas neste espazo natural para garantir a conservación dos hábitats e das especies de flora e fauna silvestre que atesoura este conxunto de illotes.
 
Deste xeito, esta orde inclúe como principal novidade o establecemento dunha cota diaria tanto para o fondeo de embarcacións como para a visita aos illotes. Así, en tempada alta -do 15 de maio ao 30 de setembro e Semana Santa- permitiranse ata 20 fondos e 50 persoas por cada unha das quendas -mañá e tarde-, mentres que en tempada baixa o límite será de 10 fondeos e 20 persoas. No caso das visitas aos illotes, a recomendación é facela en grupos de non máis de 20 persoas, acompañados dun guía -5 en tempada baixa- e evitarase a coincidencia dos grupos.
 

A maiores, tamén se regula o atraque de embarcacións relacionadas coas actividades de uso público nos illotes, que deberá efectuarse sobre o medio litoral para preservar os hábitats e as especies. O número de autorizacións oscila entre as 10 e as 12 embarcacións por quenda en función de se a embarcación ten motor ou non en tempada alta mentres que en tempada baixa o límite estará en 5 embarcacións por quenda.

 

Usos e actividades prohibidos

No que respecta aos usos e actividades que se prohiben, a conselleira salientou a acampada; a caza e a pesca recreativa ou deportiva; a recolección de especímenes e mostras biolóxicas, animais e plantas; a práctica do botellón e o lume; o emprego de aparellos de son que perturben a tranquilidade do hábitat, e calquera modalidade de publicidade exterior.

Cómpre salientar que esta norma establece como actividades permitidas, entre outras, o tránsito a pé na área terrestre, o submarinismo en apnea sen pesas e o baño na modalidade de snorqueling. E, a maiores, inclúe a posibilidade de realizar actividades recreativas ou culturais, sempre que non alteren o estado de conservación dos hábitats.
 

Para concluír, Ángeles Vázquez indicou que este documento se someterá a información pública e audiencia aos interesados desde o vindeiro martes, 18 de outubro, ata o 8 de novembro, co obxectivo de que entre en vigor a vindeira Semana Santa.

Imaxes relacionadas