A Xunta duplicará as deducións das familias numerosas na declaración do IRPF para o ano 2023
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu hoxe en Santiago de Compostela ao XIII Congreso Nacional da Federación Española de Familias Numerosas
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, explicou hoxe que a Xunta de Galicia duplicará as deducións ás familias numerosas na declaración do IRPF para o ano 2023.
Con esta medida, o Goberno galego pretende seguir estando ao carón dos fogares para que Galicia se manteña como o mellor sitio para vivir en familia. A iniciativa súmase a actuacións que xa están en marcha como as reducións ou exencións no pago de taxas no eido educativo; as bonificacións nos medios de transporte; as axudas para o servizo do comedor escolar; os apoios para a redución da xornada; a Tarxeta Benvida; a dedución de ata o 100% no imposto de Transmisións patrimoniais; o carné familiar; os descontos para familias numerosas nas autoestradas de titularidade autonómica; ou a gratuidade das escolas infantís.
O vicepresidente económico, que agradeceu o esforzo das familias numerosas por desprazarse a Santiago de Compostela para celebrar o seu congreso, así como a súa contribución para facer fronte ao reto demográfico, amosou o compromiso da Xunta de Galicia para axudar aos fogares galegos no seu día a día.