MeteoGalicia chega aos 125.000 seguidores en Twitter e consolídase como a segunda conta máis popular da Xunta nesta rede social
Nos últimos 5 anos un total de 25.000 persoas uníronse á comunidade virtual do organismo autonómico, que foi unha das primeiras axencias meteorolóxicas en apostar polas redes como canle de comunicación áxil e directa coa cidadanía
Tamén conta con algo máis de 20.000 seguidores no seu perfil de Facebook e recibe un tráfico diario de 55.000 visitantes na súa páxina web
MeteoGalicia acaba de chegar aos 125.000 seguidores no seu perfil de Twitter, unha cifra que consolida a súa posición como a segunda conta oficial da Xunta con maior popularidade nesta rede, tan só por detrás da do propio Goberno galego.
A evolución da comunidade virtual de MeteoGalicia en Twitter é un reflexo do bo traballo de divulgación desenvolvido desde este perfil —coa publicación ata o momento de máis de 10.000 chíos— e da aposta que se fixo no seu día polas redes sociais como canle de comunicación imprescindible para poder conectar de forma áxil e directa coa cidadanía, especialmente coa mocidade. De feito, o organismo meteorolóxico da Xunta foi un dos primeiros de todo o país en crear un perfil propio nesta plataforma.
Deste xeito, MeteoGalicia segue consolidando a súa posición de referencia no eido das redes sociais e do aproveitamento da tecnoloxía para achegar a información meteorolóxica á cidadanía e afianzar a súa función de servizo público. Un esforzo que contribúe á vez a proxectar o seu traballo a nivel nacional e europeo, onde xa está considerada unha das axencias máis importantes e punteiras dentro do seu campo.