A Xunta estenderá na área sanitaria de Ferrol o sistema Xide para axilizar a citación e ofrecer consultas máis resolutivas na Atención Primaria

Grazas a esta iniciativa, a Consellería de Sanidade potencia a outras categorías profesionais

Ferrol, 15 de outubro de 2022 A Consellería de Sanidade ten previsto estender, neste mes de outubro, a implantación do Programa XIDE (Xestión da Demanda en Equipo) nos centros de saúde da área sanitaria de Ferrol. Grazas a esta iniciativa, o departamento sanitario galego potencia a outras categorías profesionais do Sergas e saca da mesa do médico tarefas para as que non é preciso. Este sistema está a chegar, na primeira semana de outubro, a estar implantado en 125 centros de saúde de toda Galicia, que atenden a máis do 40% da poboación da nosa Comunidade Autónoma.

En concreto, o cronograma da extensión de XIDE na área de Ferrol será o seguinte:

Servizo de atención primaria do Fontenla Maristany A e B (incluído consultorio Manuel Comellas), día 18.

Centro de saúde de Fene- Centro de saúde A Capela-Centro de saúde Maniños, día 19.

Centro de saúde de Caranza, día 20.

Centro de saúde de Monfero, día 21.

Centro de saúde de Serantes, día 24.

Centro de saúde de Cedeira, día 25.

Centro de saúde de Cabanas, día 25.

Centro de saúde de Ares, día 26.

Centro de saúde de Mugardos: día 26.

Eficacia do XIDE

O XIDE ten rexistrados case 700 motivos de consulta, identificados e perfilados por un grupo multidisciplinar de profesionais que deseñou o sistema e segue a perfeccionalo a medida que avanza o seu uso. Grazas ao procesamento de toda esa información sanitaria, XIDE indica ao administrativo cara a que profesional debe derivar a cada paciente.

Con este sistema conséguese pasar dun modelo médico-centrista que obrigaba ao médico de familia a centralizar todas as consultas, a outro de xestión da demanda que asigna ao médico só o 52% das citas, repartindo as restantes entre os demais profesionais: enfermaría, matrona, farmacia, fisioterapia, traballo social e mesmo o propio persoal administrativo.

O Sistema XIDE é posible e eficaz grazas a que houbo traballos previos, como a aprobación das carteiras de servizos de cada categoría por parte dos grupos de traballo participativos creados no seo do Consello Técnico de Atención Primaria; e pola implantación do modelo de axendas de calidade, dispoñible xa neste momento en todas as categorías da atención primaria para organizar e planificar mellor o seu traballo

Ao mesmo tempo, XIDE vai ser instrumental na posta en marcha de proxectos máis ambiciosos de reorganización dos servizos de atención primaria, como os Plans Locais de Saúde.

 

Imaxes relacionadas