A Xunta e a Fegamp crearán unha comisión de traballo para estudar novas vías de acceso á profesión de socorrista

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, participaron nunha reunión xunto con representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias e do Clúster Galego da Industria do Deporte e do Benestar
 

O obxectivo é deseñar unha proposta consensuada a prol da incrementar o número de profesionais do socorrismo ao tempo que se garante a seguridade dos bañistas cun servizo seguro e de calidade

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2022 A Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) acordaron hoxe co Clúster da Industria do Deporte e do Benestar a creación dunha comisión de traballo que analice a situación do socorrismo en Galicia e estude novas vías de acceso á profesión de socorrista, tras as dificultades manifestadas o pasado verán por diferentes concellos para a contratación deste servizo. Na comisión participarán tamén as empresas ou entidades relacionadas co socorrismo.

 

Na reunión celebrada hoxe, na que participaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o presidente da Fegamp, Alberto Varela, abordouse a necesidade de deseñar unha proposta consensuada que permita iniciar os trámites precisos para a elaboración e posterior aprobación da nova norma. O obxectivo é poder incrementar xa de cara ao vindeiro ano o número de profesionais que conten coa formación adecuada e garantir así a seguridade dos bañistas cun servizo seguro e de calidade.

 
A iniciativa enmárcase na aposta da Xunta pola profesionalización na prestación do socorrismo ao tempo que se salvagardan os estándares de calidade e capacitación. Nesta liña, cómpre lembrar que o Goberno galego publicou hai un ano o decreto para regular a formación e as condicións esixibles para o desempeño das funcións de prevención e socorrismo tanto nos espazos acuáticos naturais (praias e augas interiores) como nas instalacións acuáticas (piscinas e instalacións acuáticas) de Galicia. Daquela xa se incrementaron as vías de acceso ao Rexistro Profesional de Persoal Socorrista de Galicia.