O proxecto da rolda leste de Lugo sairá a información pública a efectos expropiatorios antes de que finalice o ano

Trátase de completar os 2,8 km de rolda, entre a LU-530 e a N-VI, e pechar o cinto de circunvalación de Lugo, que restará tráfico ás rúas da cidade, mellorará a mobilidade e favorecerá, especialmente, a accesibilidade cara ao hospital Lucus Augusti
 

A nova proposta de trazado inclúe lixeiros axustes que se traducen no menor impacto ambiental, manténdose a sección de dúas calzadas de dous carrís, con mediana de separación entre eles, e importantes estruturas na execución do seu percorrido
 

O obxectivo é aprobar na primavera de 2023 o expediente de información pública e o proxecto de trazado, convocar no outono os actos expropiatorios, e ao tempo traballar no proxecto de construción para, finalmente, proceder á licitación das obras da Rolda Leste
 

Esta actuación sumarase aos investimentos en execución ou previstos pola Xunta na cidade, como a autovía Nadela-Sarria, a transformación do barrio da Residencia, a estación de autobuses intermodal ou a conversión da actual estación nun gran espazo público cidadán
 

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2021

  O Director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, avanzou hoxe que o proxecto da Rolda Leste de Lugo se someterá antes de que finalice este ano 2022 a información pública a efectos expropiatorios.

 

Na súa intervención hoxe na Comisión 2ª do Parlamento, Francisco Menéndez, indicou que a Xunta dispón do calendario para avanzar na materialización da Rolda Leste, cunha programación precisa e unha dotación orzamentaria plurianual, acorde cos prazos de tramitación e execución desta infraestrutura estratéxica para a cidade.

 

Referiu o traballo da Xunta para configurar un proxecto viable para a súa optimización como autovía urbana, con lixeiros axustes que se traducen no menor impacto ambiental, que contou nos Orzamentos deste ano 2022 cunha partida específica, o que permitiu progresar no proxecto.

 

Detallou o calendario do que dispón o Goberno Galego para avanzar nos vindeiros meses na tramitación administrativa e, posteriormente, coa expropiación do terreos e a licitación da obra da Rolda Leste de Lugo.  

 

Trátase de completar os 2,8 km de rolda, entre a LU-530, a estrada autonómica que vai á Fonsagrada, e a estrada nacional N-VI. O treito que resta para poder pechar o cinto de circunvalación de Lugo, que restará tráfico ás rúas da cidade, mellorará a mobilidade e favorecerá, especialmente, a accesibilidade cara ao hospital Lucus Augusti.

 

O director da Axencia Galega precisou que xa está definida unha nova proposta de trazado, que está a ser supervisada para o seu sometemento a información pública a efectos expropiatorios e da lei de Estradas de Galicia. Este paso, tal e como adiantou, se prevé dar xa neste ano.

 

Concretou que proxecto, no que se está a traballar, marca uns certos axustes con respecto ao trazado previsto anteriormente, pero mantendo as súas características esenciais, como é unha sección de dúas calzadas de dous carrís, con mediana de separación entre eles, e importantes estruturas na execución no seu percorrido, debido á topografía do terreo

 

Seguindo este cronograma, a Xunta prevé aprobar na primavera de 2023 o expediente de información pública e o proxecto de trazado, aínda que serán necesarios os informes de administracións afectadas, que se agardan sexan áxiles.

           

Deste xeito, segundo subliñou Francisco Menéndez, a mediados do vindeiro ano a Xunta estaría en disposición de iniciar o expediente expropiatorio para no outono convocar os levantamentos de actas previas e de ocupación das expropiacións, mentres se traballa no proxecto de construción, para finalmente proceder á licitación das obras da Rolda Leste de Lugo.

 

O director da Axencia Galega de Infraestruturas destacou como esta actuación se unirá aos importantes investimentos en execución ou previstos a curto prazo pola Xunta nesta cidade; comezando pola autovía Nadela-Sarria, proseguindo pola transformación do barrio da Residencia: co novo CIS, centro de emprego e residencia da terceira idade; ou a estación de autobuses intermodal e para converter os terreos da actual estación nun gran espazo público ao servizo dos cidadáns.