A Xunta sitúa á muller rural como un dos eixos das políticas de igualdade e pon en valor a súa contribución á innovación e fixación de poboación

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe no acto conmemorativo de Mulleres de Seu polo Día Internacional da Muller Rural
 

Destacou que a nova Lei galega de igualdade incluirá un Estatuto da Muller Rural e do Mar para mellorar o seu acceso a recursos e a participación social
 

O Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2022-2027 traballará para evitar discri inacións polo lugar de residencia das mulleres
 

A Xunta está a fomentar a iniciativa empresarial e a creación de emprego feminino a través dos Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego acompañando ás mulleres rurais no desenvolvemento das súas ideas de negocio

Mazaricos (A Coruña), 14 de outubro de 2022 A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe no acto conmemorativo do Día Internacional da Muller Rural organizado por Mulleres de Seu, onde coordinou a mesa redonda Mulleres rurais, raíces e futuro da nosa terra, onde destacou que a Xunta está a poñer no centro das políticas de igualdade a estas mulleres.

 

A secretaria xeral lembrou que tanto o recentemente aprobado VIII Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2022-2027 como a nova Lei de Igualdade na que está a traballar o Goberno galego porán en valor as necesidades da muller rural e a súa contribución ao crecemento de Galicia.

 

O Plan Estratéxico inclúe así un epígrafe específico de Mulleres no Rural, “polo peso e importancia que ten o medio rural nunha comunidade como a galega, na que o lugar de residencia non pode constituír, en ningún caso, un factor máis de discriminación e desigualdade a sumar á realidade das mulleres”, indicou López Abella.

 

“No ámbito laboral, estamos a traballar pola aprobación dun Estatuto das Mulleres Rurais e do Mar Galegas, no marco da futura Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, actualmente en tramitación”, anunciou a secretaria xeral, quen defendeu que a muller rural ocupa un lugar relevante na folla de ruta do Goberno galego, que está a redrobrar esforzos para remover os obstáculos aos que fan fronte e mellorar o acceso aos recursos para garantir a súa autonomía e participación social.

 

A Xunta quere apoiar coas súas actuacións a autonomía económica e a mellora das condicións laborais das mulleres rurais. Por este motivo, adiantou López Abella, seguirá a “reforzar os programas para a súa cualificación profesional, con especial incidencia na mellora das competencias dixitais, e con accións especificamente dirixidas a mulleres en situación de dificultade, entre elas as mulleres con discapacidade”.

 

Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego

O Goberno galego, na mesma liña, seguirá a apostar pola creación de emprego e o emprendemento feminino nestas contornas; unha tarefa á que contribuirá a Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego, con tres centros xa en funcionamento na área Ourense Centro e Sur (Verín), Pontevedra Norte e Rías Baixas (Silleda) e Costa da Morte (Coristanco).

 

A través dos Polos, lembrou a secretaria xeral, “quérense identificar novas actividades económicas con potencial no territorio, que dean resposta a necesidades e oportunidades emerxentes, prestándose orientación ás mulleres emprendedoras en torno a modelos de negocio con diferencial innovador, ao tempo que se facilita a transferencia bidireccional de tecnoloxía e coñecemento a través da colaboración público-privada”.

 

“É necesario seguir incidindo na participación das mulleres en órganos directivos e espazos de decisión das organizacións agrarias e pesqueiras (confrarías, xuntas de cooperativas, comunidades veciñais, órganos reguladores de denominación de orixe etc.) e desenvolver accións de comunicación e sensibilización, que salienten a súa contribución á transformación do medio rural, á innovación e á fixación de poboación, desde un enfoque que desmonte estereotipos sexistas”, declarou López Abella.

A secretaria xeral incidiu ademais noutra das prioridades de actuación da Xunta con este colectivo: reforzar os mecanismos de prevención e protección fronte a violencia de xénero nas zonas rurais. “É necesario continuar con accións de información e concienciación social contra a violencia de xénero ás características das pequenas poboacións”, indicou, á vez que puxo en valor o papel das Mesas Locais contra a Violencia de Xénero no cumprimento deste obxectivo.

Imaxes relacionadas