Nava Castro reinvindica a importancia do recoñecemento ás contribucións das mulleres rurais galegas á nosa sociedade

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou no “II Foro da Muller Rural Galega” que tivo lugar no Pazo do Mosteiro de Tomiño

 

Esta iniciativa constitúe un lugar de encontro no que as protagonistas comparten experiencias e visibilizan a realidade que están a vivir
 

Tomiño (Pontevedra), 14 de outubro de 2022 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reivindicou hoxe a importancia do recoñecemento ás contribucións levadas a cabo polas mulleres no eido rural no marco do “II Foro da Muller Rural Galega”.

 

A directora de Turismo de Galicia indicou que mediante esta iniciativa preténdese dar voz a todas as mulleres que apostan por formaR parte do rural así como darlle recoñecemento ao traballo que levan a cabo neste eido, servindo o foro como lugar de encontro no que as protagonistas comparten experiencias e visibilizan a realidade que están a vivir.

 

Nava Castro gabou a labor das mulleres rurais, que non só contribuíron a construír Galicia, senón que trasladaron a este territorio os seus propios valores, porque segundo indicou “posiblemente unha das achegas máis importantes da muller rural a Galicia é, precisamente, o seu propio exemplo. Ese exemplo de tantas mulleres decididas, valentes, versátiles que transferiron o seu carácter emprendedor a outras xeracións de mulleres”.

 

O Pazo do Mosteiro de Tomiño foi o escenario no que hoxe se deron cita as 14 protagonistas deste acto, onde explicaron as situacións e os retos aos que se enfrontan liderando proxectos rurais nos 13 concellos de EuRural. A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural ten as súas orixes nos Programas de Desenvolvemento Rural que se veñen desenvolvendo no noso territorio dende finais dos anos 90 a través dos Programas Proder e Leader.