Rueda garántelles ás empresas pesqueiras galegas na Arxentina reforzo na cooperación por parte da Xunta por tratarse dun sector estratéxico para Galicia

Na súa primeira viaxe a América do Sur como titular do Goberno galego, Rueda salienta o benestar que xeran en ambas beiras do Atlántico estas empresas

Remarca o compromiso da Xunta a velar pola súa actividade, ao igual que o está a facer co resto do sector pesqueiro galego ante o veto de Bruxelas á pesca de fondo

Gaba o labor destas firmas por representar “un valor engadido” para o tecido empresarial galego fóra das nosas fronteiras
 

Buenos Aires (A Arxentina),13 de outubro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, garantiulles hoxe ás empresas pesqueiras galegas con presenza na Arxentina reforzo na cooperación por parte do Goberno autonómico por tratarse dun sector estratéxico para Galicia. 

“As empresas pesqueiras representan a Galicia aquí, xeran benestar en ambas beiras do Atlántico, así que só cabe reiterar o firme apoio e a vontade de cooperación da Xunta de Galicia”, así llo transmitiu Rueda aos directivos de grandes compañías pesqueiras galegas no país latinoamericano, entre as que se atopaban Arxenova, Iberconsa, Vieira Argentina, Pescapuerta, Profand, Altamare e Pesquera del Sur (Fandicosta) nunha reunión prioritaria dentro da súa primeira viaxe a América do Sur como titular do Goberno galego. 

Precisamente, Rueda manifestou o interese de reunirse coas empresas pesqueiras galegas na Arxentina para coñecer de primeira man a súa situación no país e a súas perspectivas, un encontro no que se puxeron enriba da mesa cuestións estratéxicas para o presente e o futuro da pesca galega. 

O presidente da Xunta remarcou que o sector pesqueiro, en concreto a cadea mar-industria en xeral, é un piar económico do máximo interese para Galicia e apuntou a súa importante achega en materia de emprego, exportacións e capacidade de dinamización sobre o territorio. Por este motivo, garantiulles o “pleno compromiso do Goberno autonómico para todo o que precisen”.  

Compromiso da Xunta coa frota da pesca de fondo

Neste senso, Rueda apuntou ao feito de que, nestes intres, en Europa estase a atravesar moi serias dificultades polo “veto inxustificado” da Comisión á pesca de fondo en zonas de augas comunitarias e contra o que -segundo aseverou— a Xunta “loitará  ata lograr que se corrixa nos tribunais”. Nesta liña, amosou o compromiso do Goberno autonómico en velar pola actividade que teñen as empresas galegas noutros caladoiros, tamén na Arxentina, onde a inflación ou os tipos de cambio de moeda están a xerar incertezas, tal e como o sector trasladou ao presidente do Goberno galego. 

Xeradoras de riqueza e emprego na Arxentina e en Galicia

O mandatario galego quixo tirar proveito do encontro con estas empresas para gabar a súa capacidade para xerar riqueza e emprego tanto na Arxentina como en Galicia e fixo especial fincapé no seu labor no país latinoamericano,  onde representan “un valor engadido” para o tecido empresarial galego fóra das nosas fronteiras. 

“Gustaríanos que seguira sendo así moito tempo máis”, subliñou o presidente autonómico, quen por esa razón amosou o desexo do Goberno galego de que as empresas pesqueiras de Galicia poidan seguir operando “nun marco de estabilidade e con condicións favorables” á exportación.

 

Imaxes relacionadas