A Xunta achegou 141.000 euros a 20 axencias de viaxes lucenses a través das liñas de apoio ao sector

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que o Goberno galego acaba de resolver a convocatoria de axudas de 2022, que se suma ás aprobadas o ano pasado

Os fondos van destinados a fomentar a creación de produtos turísticos, a comercialización de Galicia como destino e a transformación dixital das empresas

 

Lugo, 13 de outubro de 2022.-

A Xunta concedeu 141.000 euros a 20 axencias de viaxes da provincia de Lugo a través das convocatorias de axudas de 2021 e 2022 para colaborar co desenvolvemento da súa actividade.

 

Así o explicou hoxe o delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, durante a visita a Viaxes Quimaturs, unha das once axencias beneficiarias na capital lucense xunto con dúas de Monforte de Lemos, dúas de Sarria e o resto de Viveiro, Pantón, Foz, Monterroso e Quiroga -unha por concello -.

 

Arias apuntou que a Xunta acaba de resolver a convocatoria de achegas 2022, “coa que seguimos colaborando cun colectivo fundamental no conxunto das empresas de servizos turísticos e que tamén estivo entre os máis afectados pola pandemia”, dixo.

 

Resaltou o papel que xogan estes establecementos “na comercialización de Galicia como destino turístico, visibilizando toda a oferta que temos a través do seu labor profesional”.

 

Mencionou ademais outras iniciativas nas que a Xunta colabora cos negocios deste ramo, como o Bono Turístico #QuedamosenGalicia, que ten na provincia de Lugo 21 axencias de viaxes adheridas, nas que os usuarios das tarxetas poden gastalas ata o 31 de decembro.

 

En canto ás axudas que acaban de aprobarse, Arias apuntou que financian gastos como os derivados da creación de produtos turísticos, a comercialización do destino Galicia e a transformación dixital, entre outros.

 

Imaxes relacionadas