A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, mantivo o primeiro encontro informativo sobre esta novidosa iniciativa

A Xunta anima a concellos e asociacións rurais a incentivar o voluntariado interxeracional

O novo programa da Xunta de voluntariado interxeracional ten como obxectivo fomentar os encontros e as actividades entre mozos de entre 16 e 35 anos e maiores de 55 anos para impulsar o seu crecemento persoal e profesional

Conta cun orzamento de 760.000 euros para impulsar accións encamiñadas á recuperación de oficios, a produción agroalimentaria ou o deseño de modelos dixitais e tecnolóxicos, entre outras
 

Monterrei (Ourense), 13 de outubro de 2021.-

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, mantivo esta mañá un encontro informativo no Concello de Monterrei para a posta en marcha do novo programa de voluntariado interxeracional, destinado a entidades de acción voluntaria tanto de carácter local como asociativo. Co fin de explicar os detalles desta nova convocatoria, a Consellería de Política Social e Xuventude ten previsto realizar encontros nas catro provincias, sendo o de Monterrei o primeiro deles.

 

Esta nova iniciativa desenvolverase no medio rural e permitirá realizar actividades formativas e de intercambio de coñecementos entre a xente maior e a xuventude perseguindo, como finalidade última, abrir novas oportunidades de futuro e perspectivas laborais nas diferentes zonas para a xente moza.

 

Deste xeito, procurará conxugar o talento e a experiencia das persoas maiores e as inquietudes e a curiosidade da mocidade. O obxectivo é que aquelas persoas de máis de 55 anos compartan o seu coñecemento en ámbitos como a recuperación de oficios, a produción agroalimentaria, a posta en valor do patrimonio e o turismo con mozos e mozas de entre 16 e 35 anos. Estes poderán devolver este coñecemento achegando á xente maior coñecementos en modelos dixitais e tecnolóxicos, entre outros.

 

O Goberno galego destinará 760.000 euros á posta en marcha desta novidosa iniciativa que se desenvolverá durante os anos 2022 e 2023 principalmente en lugares do medio rural. O programa está dirixido a entidades de acción tanto locais como asociativas. Os proxectos deberán estar integrados por grupos interxeracionais e funcionarán por un sistema de parellas, no que cada persoa voluntaria maior de 55 anos encargarase de titorizar a un mozo.

 

Contías mínimas e máximas

A contía da axuda por proxecto será dun mínimo de 15.000 euros e dun máximo de 25.000 euros, atendendo ao número de persoas voluntarias participantes. No caso de presentarse por máis dunha entidade local conxuntamente, entre 36.000 e 60.000 euros respectivamente. As actividades que se desenvolvan no ano 2022 xustifícanse non máis tarde do 16 de decembro de 2022, o resto deberán xustificarse antes do 1 de novembro do ano que vén.

Imaxes relacionadas