Galicia Calidade organiza en Madrid un curso de especialización en viños de Galicia dirixido a sumilleres e profesionais da restauración

A iniciativa, que terá lugar os vindeiros luns 17 e martes 18 de outubro, busca difundir a potencialidade dos viños con este selo de garantía

Un total de 26 empresas con produtos certificados estarán presentes para a súa cata e degustación
 

Santiago de Compostela, 13 outubro de 2022.-

Galicia Calidade, organismo dependente da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, organiza un curso de especialización dirixido a sumilleres, profesionais da restauración e da difusión do viño para apoiar e difundir as potencialidades dos viños galegos e, en especial, os que contan con este certificado de garantía.

 

O Curso de especialización en viños de Galicia, que terá lugar o vindeiro luns 17 e martes 18 de outubro en Madrid, en "El Camarote del Capitán Breixo" do Hotel Innside by Meliá Madrid (calle Gran vía - 8ª Planta) será impartido por Jorge Vila, da Galicia Wine Academy, e divídese en dúas sesións diferentes para catar os caldos de 11 adegas, procedentes das cinco Denominacións de Orixe de Galicia. En total, estarán presentes 26 empresas con produtos certificados.

 

Así, na cata degustaranse Veigalobos, de Adegas Gran Bazán; Manuel D ´Amaro Brancellao 2017, de Señorío de Rubiós; Toubes, de Viña Costeira; Alberte Tinto, de Bodegas Nairoa; Finca Míllara Godello Barrica, de Adega Finca Míllara; Regina Expresión, de Adegas Regina Viarum; 200 Cestos y Ladeira Vella, de Adega A Coroa; Quinta do Buble Godello, de Quinta do Buble; Gargalo Mencía Araúxa,  de Gargalo; Eidos Contraparede, de Adega Eidos;  e Vía Romana Grandes Añadas de Vía Romana Adegas e Viñedos.

 

O curso celebrarase durante dous días, dividido en dúas sesións de dúas horas de duración cada unha. No descanso entre cada sesión, haberá unha degustación de produtos Galicia Calidade de sete empresas amparadas co selo de garantía. Así, os participantes poderán probar empanada de zamburiñas, de Jealsa-Rianxeira; mexillóns con crema de verduras escabechadas, Luis Escurís Batalla; Baos de polo ao ast, con maionesa kimchi, de Avícola de Galicia; xamón, de Coren; croquetas de lacón con grelos, de Jamones González; espetada de salpicón de polbo e cherries, de Rosa de los Vientos; e hoxaldre, mazá tatin e roast beef de solombo de porco, de  Sadepor.

 

Ademáis de sumilleres, o curso conta coa participación de profesionais da restauración, de tendas especializadas na venda de viño, xornalistas do sector e diferentes prescitores que amosaron o seu interese en coñecer os viños amparados co selo Galicia Calidade.

 

O curso de especialización é unha oportunidade para afondar no coñecemento dos viños galegos e difundir a súa calidade, con múltiples diferenzas e matices, que constitúen a enorme riqueza vitivinícola das cinco denominacións de orixe da comunidade autónoma.