Fernández-Tapias celebra a apertura de quince novos negocios no casco vello de Vigo e lamenta a ausencia do concello e a súa falta de apoio aos emprendedores

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presidiu este xoves o consello extraordinario do organismo autónomo no que se completou o proceso de alugueiro dos baixos para actividades comerciais e culturais

“Por desgraza asistimos de novo ao desplante dos representantes do Concello, que non quixeron respaldar as novas iniciativas económicas e que manteñen o seu bloqueo á recuperación do barrio”, sinalou a presidenta do Consorcio Casco Vello
 

Vigo, 13 de outubro de 2022.-

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Marta Fernández-Tapias, celebrou este xoves a adxudicación no consello extraordinario do organismo autonómo do alugueiro de quince locais que suporán a chegada ao barrio de quince novos negocios con actividades comerciais e culturais.

 

A aprobación do concurso público levouse a cabo por unanimidade despois de que os representantes do Concello de Vigo abandonaran a sesión e se negaran a votar a favor da apertura de establecementos por parte de emprendedores. “Por desgraza asistimos de novo ao desplante dos concelleiros, que non quixeron respaldar as iniciativas para o Casco Vello e que manteñen o seu bloqueo á recuperación do barrio”, sinalou Fernández-Tapias.

 

Tal e como destacou a máxima representante do Consorcio, o proceso de adxudicación dos locais comerciais significa a reactivación do casco histórico. “De xeito inmediato un total de quince empresas poderán instalarse no barrio, o que suporá unha importante dinamización da zona”, sinalou a representante autonómica. Os locais quedaron adxudicados este xoves e de forma inminente os gañadores do concurso público poderán iniciar a súa actividade no Casco Vello.

 

Novos adxudicatarios

Entre os novos adxudicatarios atópanse artesanos, autónomos, profesionais liberais, editorais e colectivos culturais. Así, a rúa Abeleira Menéndez incorporará a súa oferta comercial un local de artesanía textil, unha produtora de eventos e unha academia de cómic. No caso de Cruz Verde, abrirá unha academia de inglés e un establecemento de artesanía cerámica.

 

Ferrería, San Sebastián, Santiago, Subida á Costa e Berbés

O barrio tamén acollerá de forma inminente unha produtora audiovisual e un estudo de arquitectura na rúa Ferrería, mentres que en San Sebastián os alugueiros recaeron nun centro de ioga, unha orfebrería, un centro de orientación e acompañamento e outro estudo de arquitectura. Ademais, na rúa Santiago haberá unha asociación cultural sen ánimo de lucro e tamén ampliará as súas instalacións unha editorial. Por último, na Subida á Costa instalarase unha fundación cultural e na Ribeira do Berbés, unha academia de formación de viño.  

 

O Consorcio publicou o pasado 27 de xuño no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) as bases do concurso de alugueiro dos vinte locais con prezos que van desde os 70 euros (rúa San Sebastián, 8) o máis barato ata os 255 euros o máis caro (Subida á Costa, 5). Catro dos baixos comerciais concentraron a maioría do centenar de ofertas e recibiron un total de 44 propostas. O inmoble de Abeleira Menéndez 16 tivo dezaseis candidatos, mentres que o da rúa Santiago 15 chegou ata as once, o de Santiago 19 outras nove e San Sebastián 16 recibiu oito máis.

 

O proceso continuará agora coa posiblidade de adxudicación directa doutros cinco baixos comerciais, tal e como recolle o prego de condicións. Así, nos vindeiros días publicarase no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) o concurso coa descrición dos locais e as condicións de alugueiro. 

Imaxes relacionadas