Tres grandes mestres internacionais participan no II Torneo maxistral de xadrez O teu Xacobeo na delegación da Xunta

As partidas desenvolveranse ata o 16 de outubro, hoxe durante toda a xornada e os demais días a partir das 16,30 horas

Lugo, 13 de outubro de 2022

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolle o II Torneo maxistral de Xadrez O teu Xacobeo, que se celebra ata o día 16 e conta coa participación de tres grandes mestres internacionais.

 

O torneo enmárcase no proxecto Xadrez no Camiño, organizado por Xaquedrum e financiado pola Xunta de Galicia ao abeiro da convocatoria de axudas para dinamizar a celebración do Xacobeo 2021-2022.

 

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, realizou hoxe o saque de honra co que comezou unha intensa xornada con partidas durante a mañá e a tarde; nos días sucesivos terán só horario de tarde, a partir das 16.30 horas. Celébranse no salón de actos da Delegación, con entrada libre e gratuíta. Arias instou ao público en xeral “e, especialmente, aos afeccionados a este deporte, a aproveitar a ocasión de ver en acción a algúns dos mellores xadrecistas de ámbito mundial”. 

 

Neste torneo participan os grandes mestres Vladimir Petkov, de Bulgaria; Alexa Strikovic, de Serbia, e Ilmars Starostits, de Letonia. Tamén o mestre internacional André Ventura, de Portugal, e os mestres fide Henrique Rey, Siem Van Dael (Holanda), Andrés Luque, e o lucense Pablo López Varela. Completan o cadro de participantes os xogadores lucenses David Pérez e Carlos Casares. A arbitraxe recae na húngara Klara Kovacs.

 

O programa Xadrez no Camiño inclúe actividades diversas, como unha exhibición no salón de columnas do Círculo das Artes, este sábado entre as 11 e as 14 horas a cargo de   Vladimir Petkov, e outra no paseo da Mosqueira o domingo, de 18.30 a 20.30 horas, con Alexa Strokovich.

 

Tamén se desenvolve a iniciativa Xaque nas aulas e recreos inclusivos, en centros educativos de Lugo, Palas de Rei, Castroverde, Portomarín e Guntín.

Imaxes relacionadas