A Xunta inicia as obras das novas sendas na Medorra e Paiseo, nos concellos do Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Paderne de Allariz

Actuarase na marxe esquerda da estrada OU-101, na que se construirán sendas peonís para mellorar a seguridade viaria dos veciños destes tres municipios
 

A senda da Medorra terá unha lonxitude de 2,1 km e pasa polos tres concellos, mentres o itinerario de Paderne de Allariz terá unha lonxitude de 640 metros, iniciándose á altura do núcleo de Cascarreira e continuando ata O Paiseo
 

Estas actuacións enmárcanse no Plan de sendas de Galicia para a comarca de Ourense co que a Xunta está a executar 16 km de itinerarios cun orzamento de 7,1 M€

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2022

A consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar a execución das obras das novas sendas na Medorra e Paiseo, nos concellos do Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Paderne de Allariz, que suporá un investimento de 1 millón de euros.

 

As actuacións, cun prazo de 6 meses, centraranse nas zonas que carecen de espazo para o tránsito de peóns, mellorando a seguridade viaria aos veciños e facilitando os seus desprazamentos a pé, ao tempo que se revalorizan as zonas polas que pasan.

 

A intervención prevé a construción de dous itinerarios peonís na marxe esquerda da estrada OU-101 que sumarán en total 2,8 km. No caso do itinerario na Medorra discorrerá polos tres concellos, e na senda do Paiseo, polo concello de Paderne de Allariz.

 

A senda da Medorra terá unha lonxitude de 2,1 km, transcorrendo na súa meirande parte polo municipio do Pereiro de Aguiar. O itinerario comeza ao pasar o cruce co regato de Pazos e transcorre pola marxe esquerda ao longo do Parque Tecnolóxico de Galicia ata chegar ao termo de Paderne. Neste treito de actuación prodúcese o cruzamento coa outra vía da Xunta, a estrada OU-537, onde esta senda solaparía en execuciónna contorna dos parques empresariais.

 

O itinerario de Paderne de Allariz iníciase á altura do núcleo de Cascarreira, onde rematan as beirarrúas actuais, e continuará ata as proximidades do Paiseo, cunha lonxitude de 640 metros.

 

Tamén se executarán muros de sostemento do terreo no treito da Medorra, traballos de sinalización, reposición de servizos e preinstalación de alumeado público, ademais da adecuación de 3 paradas de autobús ás que se dotará de 3 novas marquesiñas.

 

Estas actuacións enmárcanse no Plan de sendas de Galicia para a comarca de Ourense co que a Xunta está a executar 16 km de itinerarios cun orzamento de 7,1 M€.

 

As intervencións contan con financiamento da Unión Europea dos fondos Feder 2014/2020 e dos fondos REACT EU.

Imaxes relacionadas