A Xunta participa na presentación de Per Agrum, unha cantata musical que pon en valor o Camiño de Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro participou hoxe na presentación deste proxecto innovador realizado polo compositor Josu Elberdin mediante o cal se pon en valor a música e a cultura a través do canto coral

Ourense, 13 de outubro de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na presentación do proxecto Per Agrum, un proxecto innovador que se leva a cabo coa colaboración da Fundación La Caixa, mediante o cal se pon en valor a música e a cultura a través do canto coral que chega a Galicia tras unha xira en San Sebastián, Burgos, Pamplona e Zaragoza.

 

Trátase dunha cantata musical deseñada especialmente para poñer en valor o Camiño de Santiago, unindo as diferentes comunidades autónomas, dende os Pirineos ata Galicia. Nela participan, a modo de encontro e cantando xuntos, coros xuvenís vascos, navarros e galegos.

 

A obra está baseada nos textos de Josune López, e foi realizada polo compositor Josu Elberdin, un dos compositores de música coral máis importantes do panorama internacional na actualidade. A través da música interpretada por un coro integrado por 120 mozos, a obra descobre a impresións dos peregrinos ao atravesar as diversas paisaxes coas que se encontrna durante o seu traxecto, dende o descenso do Perineo ata chegar a Santiago de Compostela, recreando as sensacións que animan ao viaxeiro no seu camiño, aportándolle serenidade e forzas para seguir adiante.

 

Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, indicou que este tipo de acción permite potenciar a música, a cultura e o patrimonio das Comunidades nas que o Camiño ten lugar, permitindo reafirmar a aposta por esta celebración como unha oportunidade única de recuperación e posta en valor deste patrimonio conxunto que une a Galicia co mundo.

 

Neste senso, Castro destacou a oportunidade que este itinerario supón, xa que a riqueza das súas contornas, a arte que o rodea, a gastronomía e a amabilidade do pobo galego fai deste itinerario un espazo perfecto para levar a cabo calquera tipo de manifestación artística.