A Xunta renova o acordo con FADEMGA Plena Inclusión Galicia para adaptar documentos xudiciais a lectura fácil

O Goberno galego achega 15.000 euros ao convenio para que calquera órgano ou servizo xudicial poida solicitar este servizo nos procedementos que afecten a persoas con discapacidade intelectual, do desenvolvemento ou con dificultades de comprensión lectora

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2022

A Xunta vén de renovar coa Federación Galega  de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (FADEMGA Plena Inclusión Galicia) para apoiar o proxecto de adaptación de documentos xudiciais a lectura fácil. O obxectivo é mellorar o acceso á xustiza das persoas con discapacidade intelectual, do desenvolvemento e con dificultades de comprensión lectora.

O Goberno galego financia esta iniciativa cunha axuda de 15.000 euros, de maneira que calquera órgano ou servizo xudicial de Galicia que tramite un procedemento que afecte a estas persoas poderá solicitar a adaptación a lectura fácil da documentación de referencia. A lectura fácil é un método que recolle un conxunto de pautas e recomendacións relativas  á redacción de textos, deseño e maquetación de documentos facéndoos accesibles.

 

A través deste acordo, a Xunta colabora con FADEMGA Plena Inclusión Galicia no seu programa Adaptación de sentenzas a lectura fácil, do que se lles informa aos interesados durante o proceso xudicial para que soliciten o servizo.

 

Así, os técnicos da organización adaptan e adecúan a este sistema de lectura fácil os documentos xurídicos correspondentes. Nunha fase posterior levase a cabo o proceso de validación, isto é de avaliación da comprensibilidade, que debe realizarse por parte dun grupo de persoas con dificultades de comprensión lectora similares ás dos usuarios finais do documento. Deste xeito, preténdese garantir a correcta comprensión de toda a información adaptada.

 

A Xunta mantén así o seu compromiso cunha Administración da Xustiza inclusiva e accesible para toda a cidadanía. Nesta liña, o Goberno galego contribúe ao acceso á xustiza en igualdade de condicións ás persoas que poden presentar maiores dificultades para entender os procesos xudiciais e os seus resultados coa posta en marcha dos mecanismos necesarios, como por exemplo, este programa.