O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, e o xestor de proxectos e fondos europeos da entidade, Iván Cacheiro, verñen de presentar esta iniciativa ante o xurado do programa Horizon Europe

A Xunta defende a candidatura do proxecto Innovaugas 4.0 como semifinalista aos premios europeos de Adquisición de Innovación 2022

Os galardóns recoñecen os proxectos máis destacados en toda Europa de promoción da adquisición de innovación por parte axentes públicos e privados

O proxecto da Xunta é semifinalista xunto con outros 5 de Francia, España, Reino Unido e Bélxica, estando previsto dar a coñecer o gañador na gala de premios do próximo 8 de decembro en Bruxelas

Innovaugas 4.0 é un proxecto da Xunta para acadar solucións innovadoras na xestión integrada das augas e responder ás diferentes demandas, en equilibrio co medio natural e atendendo ao escenario do cambio climático

A iniciativa, cun orzamento de 7 M€, foi seleccionada polo Ministerio de Ciencia na Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda e da Compra Pública

O proxecto tamén é cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación, que achega 700.000 €, e por Augas de Galicia, que aporta 2,1 M€

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2022

O proxecto Innovaugas 4.0, xestión avanzada dos recursos hídricos galegos, promovido pola Xunta, a través de Augas de Galicia, vén de defender a súa candidatura como semifinalista aos premios europeos de Adquisición de Innovación 2022.

 

O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, e o xestor de proxectos e fondos europeos da entidade, Iván Cacheiro, presentaron aos membros do xurado os principais fitos deste proxecto, que foi elixido semifinalista nos Premios Europeos de Innovación 2022 (EIPA 2022), outorgados polo programa Horizon Europe, co apoio do Consello Europeo de Innovación, na categoría de estratexia de adquisición de innovación.

 

Estes premios recoñecen os proxectos máis destacados en toda Europa de promoción da adquisición de innovación por parte compradores públicos e privados. A candidatura de Augas de Galicia destaca a colaboración cos provedores de innovación (os consorcios adxudicatarios dos tres procesos de licitación que se celebraron no marco de Innovaugas 4.0 e as tres universidades galegas coas que Augas de Galicia asinou convenios de colaboración) para levar as solucións innovadoras ao mercado.

 

Os Premios Europeos de Innovación 2022 diferencia tres categorías, estratexia para afrontar os retos da sociedade, liderado en compra pública de innovación e estratexia de compra de innovación, na que resultou semifinalista a candidatura de Innovaugas 4.0 xunto cos proxectos Airbus (Francia), Fundacio Pac Tauli (España), Nido (Bélxica), Ritmocore (RU e España), YQ Purchasing bv (Bélxica). O proxecto gañador darase a coñecer o vindeiro 8 de decembro na gala de premios que se celebrará en Bruxelas.

 

Innovaugas 4.0

Cómpre lembrar que Innovaugas 4.0 é un proxecto promovido polo Goberno galego, a través de Augas de Galicia, co fin de acadar solucións innovadoras para a xestión integrada avanzada das augas e a resposta ás demandas dos diferentes usos, en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais, atendendo ao escenario do cambio climático.

 

O proxecto Innovaugas 4.0 conta cun orzamento elixible de 7 millóns de euros e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirexional de España (POPE) 2014-2020.

 

Innovaugas 4.0 foi seleccionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación no ano 2020 na Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda e da Compra Pública Innovadora, contando cunha axuda de fondos europeos de 4,2 M€. Ademais é cofinanciado tamén pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), que achega 700.000 euros, e por Augas de Galicia, con 2,1 M€.