A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participou por videoconferencia na primeira Asemblea Xeral que se celebra no marco desta iniciativa

As aldeas modelo impulsadas pola Xunta aplicarán os resultados do proxecto comunitario Rustik a prol da transición cara a un rural sustentable

Rustik é un proxecto interdisciplinario de ámbito internacional que contará co traballo de investigadores e de organismos responsables de aplicar políticas rurais en Europa cun orzamento global próximo aos 7 millóns de euros para os vindeiros catro anos

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, é un dos socios desta iniciativa que busca reforzar os procesos de transición cara a comunidades rurais máis resilientes, inclusivas, saudables e verdes

En total, participarán 31 socios procedentes de 10 países europeos (España, Austria, Alemaña, Eslovenia, Francia, Finlandia, Bulgaria, Italia, Polonia e Reino Unido)

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2022

As aldeas modelo impulsadas pola Xunta no marco da Lei de recuperación da terra agraria servirán para aplicar os resultados do proxecto comunitario Rustik (Rural Sustainability Transitions through Integration of Knowledge for improved policy processes) a prol da transición cara a un rural sustentable. Así quedou patente na primeira Asemblea Xeral que se vén de celebrar no marco desta iniciativa, que tivo lugar en Frankfurt (Alemaña) e na que participou por videoconferencia a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, ao ser este organismo dependente da Consellería do Medio Rural un dos socios do proxecto.

En concreto, Galicia foi escollida como rexión piloto ao abeiro deste proxecto e as aldeas modelo seleccionadas como espazo privilexiado para poñer en marcha laboratorios vivos (living labs) que permitirán probar as conclusións que se acaden no período fixado de catro anos, para os que se conta cun orzamento de case 7 millóns de euros. Esta iniciativa interdisciplinaria de ámbito internacional que conta co apoio do programa comunitario de investigación Horizon Europe combinará o traballo de investigadores e de organismos responsables de aplicar políticas rurais en todo o continente, como é o caso da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

O obxectivo central é o reforzo dos procesos de transición cara a comunidades rurais máis resilientes, inclusivas, saudables e verdes, en liña coas grandes directrices da Unión Europea e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. No proxecto participarán 31 socios procedentes de 10 países europeos (España, Austria, Alemaña, Eslovenia, Francia, Finlandia, Bulgaria, Italia, Polonia e Reino Unido), entre os que figuran centros de investigación, organizacións non gobernamentais e entidades sen ánimo de lucro de ámbito comunitario e nacional, administracións públicas e empresas do ámbito da innovación e da tecnoloxía.

Cabe engadir que o proxecto recolle un extenso cadro de traballos e actuacións a desenvolver de xeito conxunto por todos os socios ao longo de 48 meses. Nese senso, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural colaborará coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) para definir e probar en Galicia a viabilidade de todo tipo de actuacións susceptibles de facer efectiva a transición cara a un rural sustentable a través da integración nas políticas públicas das conclusións das principais investigación en marcha neste terreo.