A Xunta remata as obras de acondicionamento da estación de autobuses de Ponteareas, mellorando a accesibilidade peonil á terminal e os servizos aos usuarios

A intervención, que supuxo un investimento de preto de 50.000€, abre o acceso peonil ás dársenas desde a rúa, sen barreiras arquitectónicas

A intervención tamén incluíu unha nova rede de saneamento para os baños, a reparación da instalación eléctrica da estación, a rede de fontanería ou o lucernario interior

Procederase ao pintado interior de paramentos verticais, á limpeza da planta inferior da área de intervención e á reparación de elementos deteriorados

A Xunta está a xestionar a estación de autobuses de Ponteareas de forma temporal, mediante un contrato para a explotación e outro para a limpeza

Esta situación manterase ata que comece a operar o novo concesionario da terminal, que tamén xestionará as estacións de Vigo, de Cambados e de Cangas

A nova xestión está supeditada á apertura da nova estación de autobuses de Vigo, rematada en xuño de 2021 e á espera de que o Concello de Vigo habilite o acceso

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2022

A Xunta rematou as obras de acondicionamento da estación de autobuses de Ponteareas, mellorando a accesibilidade peonil á terminal e os servizos aos usuarios.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, unha vez asumida a xestión temporal desta terminal e dado o deterioro que presentaban as instalacións, asumiu a execución de diferentes actuacións de mellora da infraestrutura. Esta nova actuación supuxo un investimento autonómico de preto de 50.000 euros.

 

A intervención comprendeu traballos como a apertura de acceso peonil ás dársenas desde a rúa, sen barreiras arquitectónicas.

 

Tamén se acometeu unha nova rede de saneamento nos baños, en substitución da actual; o reforzo da soleira de soporte na calzada de saída dos autobuses; ou a substitución de bancadas de espera deterioradas.

 

Os traballos  tamén incluíron a reparación da instalación eléctrica da estación, da rede de fontanería ou do lucernario interior.

 

Ademais procedeuse ao pintado interior de paramentos verticais, á limpeza da planta inferior da área de intervención e á reparación de papeleiras, tulipas de luminarias e outros elementos deteriorados.

 

A Xunta está a xestionar a estación de autobuses de Ponteareas, de forma temporal, mediante un contrato para a explotación e outro para a limpeza.

 

Dadas as deficiencias que presentaban as instalacións no momento da cesión por parte do Concello, o Goberno galego determinou a execución destes traballos co fin de mellorar a terminal e ofrecer mellores servizos aos usuarios.

 

O contrato temporal de xestión estará en servizo ata que entre a operar o novo concesionario da terminal, que xestionará conxuntamente as estacións de Vigo, de Cambados, de Cangas e de Ponteareas.

 

O inicio deste contrato está supeditado á apertura da nova estación de autobuses de Vigo, rematada en xuño de 2021 e á espera de que o Concello de Vigo habilite os accesos á estación.

Imaxes relacionadas