Arias destaca no Día Mundial da Saúde Mental o reforzo dos recursos da Xunta para estas doenzas

O delegado territorial de Lugo participou nos actos da Asociación Saúde Mental da Mariña con motivo da xornada, centrada na afección á infancia e á xuventude

Cervo (Lugo), 10 de outubro de 2022.- O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou hoxe en Cervo nos actos de conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental organizados pola Asociación Saúde Mental da Mariña, que este ano están centrados na infancia e a xuventude. Arias gabou o papel que desempeña o colectivo e destacou o apoio da Xunta ao seu labor a través de distintas liñas de colaboración.

 

Ao respecto, destacou a importante función da Asociación na xestión de centros de rehabilitación psicosocial co soporte da Xunta, que achegou nos últimos meses 320.000 euros para financiar a súa actividade. A propia sede da entidade, na estrada de Sargadelos, acollerá proximamente o primeiro centro de día da provincia para persoas en situación de dependencia con algunha doenza mental.

 

O delegado lembrou que a Consellería de Sanidade está a desenvolver o Plan de Saúde Mental 2020, que suma 125 novos profesionais contratados desde o seu inicio e quere chegar ata os 241 no ano 2024. Froito deste plan, desde o pasado mes de maio funciona no Hospital Universitario Lucus Augusti un centro de día de saúde mental-infanto xuvenil, atendido por un equipo multidisciplinar de profesionais de psiquiatría, psicoloxía, enfermería, traballo social ou terapia ocupacional, entre outros, que traballa en coordinación con servizos como pediatría ou endocrinoloxía.

Arias subliñou a importancia de citas como a de hoxe para dar visibilidade aos problemas de saúde mental, que afectan a un de cada seis galegos e galegas; “é preciso rachar cos prexuízos, recoñecer os síntomas e poñerse en mans de profesionais canto antes”, indicou.

 

Imaxes relacionadas