A Xunta publica a resolución das axudas de Galeuropa para o fomento da empregabilidade da xente nova

A convocatoria conta cun financiamento de 550.000 € e pretende que a xuventude adquira novas competencias e experiencias formativas en Europa
 

Ofrece unha axuda de ata 1.600 € ao mes para a realización de prácticas nunha empresa escollida por cada participante en calquera país europeo
 

Esta edición, a primeira tras a suspensión da iniciativa por mor da pandemia, incorpora ademais a figura dos embaixadores Galeuropa, antigos beneficiarios que realizarán labores de asesoramento

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2022

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas do programa Galeuropa, que permite a realización de prácticas formativas nun país de Europa a mozos e mozas de 18 e 29 anos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGX). Esta iniciativa permite a súa adquisición de novas competencias, experiencia e fomento da empregabilidade e conta cun investimento de 550.000€, cofinanciado polo Fondo Social Europeo nun 80%.

 

A través da súa posta en marcha finánciase unha estadía de prácticas de, como mínimo, dous meses, nun país da Unión Europea, na empresa escollida por cada beneficiario. Para isto, o Goberno galego achegará ata 1600€ ao mes a cada participante para os seus gastos cotiás, ademais dunha axuda para competencias lingüísticas antes e durante a estadía. Cómpre destacar que as contías das subvencións varían en función do país de destino e duración da estancia.

 

Con esta iniciativa, que volve despois da pandemia, a Xunta de Galicia impulsa as posibilidades de inserción laboral da xente nova. Neste sentido, os participantes adquirirán e mellorarán habilidades, tanto as relacionadas co sector das prácticas como as transversais, grazas á súa estadía no estranxeiro e á convivencia coa cultura do seu país de acollida. O programa, ademais, dá prioridade a colectivos con especiais dificultades como o das vítimas de violencia de xénero, o das persoas con discapacidade ou o das persoas en risco de exclusión social.

 

Embaixadores Galeuropa

Os beneficiarios poderán obter toda a información sobre o programa na sección correspondente da web de Xuventude, e consultar todas as súas dúbidas por teléfono, correo electrónico ou a través da nova Oficina Virtual de Asesoramento. A través destas vías poderán obter tamén o contacto dalgún dos embaixadores Galeuropa, participantes en edicións anteriores do programa que a partir deste ano poderán realizar labores de asesoramento e apoio previo aos mozos que queiran tramitar esta axuda se así o solicitan.

Imaxes relacionadas