A primeira fase da ampliación do parque empresarial de Muimenta, en Cospeito, está xa executada nun 75%
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou a marcha das obras, nas que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda inviste 1,3 millóns de euros
O polígono suma 24.903 m2, nos que se habilitarán 14 parcelas de uso industrial, novas vías e zonas verdes
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe a marcha da primeira fase de ampliación do parque empresarial de Muimenta, en Cospeito, que están xa executadas nun 75%.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda inviste 1,3 millóns de euros nesta actuación, coa que se sumará unha superficie de 24.903 m2. Deste total, 12.970 m2 destínanse á creación de 14 parcelas de uso industrial, que terán entre 426 m2 e 1.500 m2 cada unha; as novas vías ocupan 5.261 m2 e 6.672 m2 serán zonas verdes.
Acometéronse as obras de urbanización, electrificación, canalizacións de saneamento, abastecemento ás parcelas, iluminación pública e o novo acceso ao parque para ordenar o tráfico procedente da estrada LU-120.
Os traballos continúan e só resta colocar un novo centro de transformación e a sinalización vertical e horizontal, así como rematar as zonas verdes. Estas dótanse de rego, vexetación, xogos e mobiliario urbano; consérvase un bosque autóctono e os vestixios dos muros dunha antiga casa, formando unha pérgola e un forno de pedra que complementan a área de descanso.
Javier Arias destacou que “practicamente suporá cuadriplicar a superficie do parque empresarial, o que manifesta a clara aposta da Xunta polo progreso industrial e polo emprego na zona”.