A Xunta convoca para outubro e novembro os propietarios dos terreos necesarios para executar unha senda no Camiño Primitivo en Lugo

A actuación desenvolverase entre os puntos quilométricos 6+800 e 8+100 da estrada autonómica LU-530

O Diario Oficial de Galicia anuncia o levantamento de actas previas á ocupación para o 26 de outubro no Centro Uxío Novoneyra de Lugo e a súa formalización o 23 de novembro

A intervención conta cun investimento de 185.000 € e prevese executar neste ano, unha vez obtida a titularidade dos terreos

Habilitarase un itinerario de 1,3 km pola parte exterior da plataforma da vía, evitando a convivencia de vehículos, peregrinos e veciños pola estrada e reforzando a seguridade viaria

A Xunta segue reforzando a integración do Camiño de Santiago en condicións de seguridade axeitadas e cun deseño sostible ambientalmente
 

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2022.-

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria, en outubro e novembro, dos propietarios dos terreos necesarios para executar unha senda peonil no Camiño de Santiago Primitivo, nun treito da estrada autonómica LU-530, no concello de Lugo.

 

Os actos para o levantamento das actas previas á ocupación terán lugar o día 26 de outubro, das 9 ás 11 horas, no salón de actos do Centro Uxío Novoneyra, en Lugo. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o 23 de novembro, no mesmo horario e lugar. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información:  http://xurl.es/9wqnz

 

A actuación centrarase no treito comprendido entre os puntos quilométricos 6+800 e 8+100 e suporá un investimento da Xunta que rolda os 185.000 euros. As obras prevén executarse neste ano, unha vez que se poida obter a titularidade dos terreos.

 

O obxectivo é aumentar a seguridade dos peregrinos e veciños que circulan por este treito da LU-530, mediante a separación física do tráfico de vehículos do tráfico peonil.

 

Na actualidade a estrada carece dunha superficie específica para o tránsito dos peóns, polo que estes deben circular pola beiravía existente na marxe dereita da estrada. Esta necesidade de empregar a beiravía implica o cruce da estrada en dúas ocasións, nun treito de pouca visibilidade para o que se reforzou a sinalización para mellorar a seguridade viaria.

 

A intervención acometerase no tramo da marxe esquerda desta vía ao longo de 1,3 km de lonxitude. Habilitarase unha senda peonil que discorrerá pola parte exterior da plataforma da estrada, evitando a convivencia de vehículos e peregrinos ou veciños pola estrada.

 

A Xunta segue traballando na integración do Camiño de Santiago en condicións de seguridade axeitadas e cuns criterios de deseño sostibles ambientalmente.