A Xunta adxudica por máis de 326.000€ as obras de renovación das beirarrúas da estrada PO-226 en Moraña

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé comezar neste outono os traballos, que teñen un prazo de execución de 6 meses
 

A actuación permitirá facilitar a mobilidade no acceso dos veciños á Casa do Concello, á biblioteca pública, á escola de música e a establecementos como a panadería
 

Aproveitarase a obra para intervir nos servizos de abastecemento e saneamento, construíndo unha liña exclusiva para canalizar a auga de chuvia e separala das fecais
 

Tamén se renovará a iluminación e procederase ao soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións, así como á instalación de mobiliario urbano

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2022

  A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por máis de 326.000 euros as obras de renovación das beirarrúas da estrada PO-226 en Moraña.

 

A intervención, adxudicada á empresa Construcciones Fechi S,L.U, comezará este outono e terá un prazo de execución de 6 meses.

 

A actuación levarase a cabo nun treito estratéxico desta vía autonómica, coincidente co núcleo de Santa Lucía, na parroquia de Saiáns, onde está situada a Casa do Concello, a biblioteca pública e a escola municipal de música, ademais de diferentes establecementos comerciais.

 

Intervirase nun treito de 300 metros da estrada PO-226, desde a intersección que dá acceso á Casa do Concello ata a chegar ao límite do casco urbano, onde as beirarrúas se atopan deterioradas debido ao esgotamento da vida útil do pavimento. A Xunta vai actuar, renovándoas e adaptándoas á nova normativa de accesibilidade.

 

O proxecto abrangue as dúas marxes do que é a principal vía do municipio, renovando as beirarrúas, facéndoas accesibles e ampliando o seu ancho nun treito da marxe esquerda para facilitar o tránsito dos peóns.

 

Tamén está prevista a rehabilitación do firme dos carrís de circulación, o que favorecerá tamén o tránsito dos vehículos en boas condicións.

 

Nesta actuación aproveitarase para intervir nos servizos de abastecemento, saneamento e pluviais, impulsando unha importante mellora, ao construír unha liña exclusiva para canalizar a auga de chuvia e separala das fecais, dotando este treito dunha rede de saneamento separativa.

 

Ademais, renovarase a iluminación e procederase ao soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións, executando un prisma para estes servizos.

 

A actuación completarase coa instalación de mobiliario urbano e axardinamento para humanizar este treito de travesía de PO-226, que constitúe o corazón do municipio e que vai gañar, con esta actuación, espazo público para o desfrute dos veciños.