A Xunta concede axudas por máis de 7.000 euros a tres axencias de viaxes de Ferrolterra

A delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, visitou hoxe o establecemento Zafiro Tours, en Fene, que percibiu unha achega para a adquisición e mantemento de equipamento informático e a creación de contido para redes sociais

Fene (A Coruña), 10 de outubro de 2022.-

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Fene, Juventino Trigo, visitou esta mañá a axencia de viaxes Zafiro Tours, na localidade, un dos tres establecementos beneficiarios das axudas da Axencia de Turismo de Galicia, no marco do eixo REAC-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 como parte da resposta da UE á pandemia, que deixaron en Ferrolterra máis de 7.000 euros.

 

Este negocio, xestionado por Ana María Rodríguez, recibiu unha achega de 5.200 euros destinada á adquisición e mantemento de equipamento informático, creación de contido para as redes sociais e ‘community manager’.

 

Durante a visita, a delegada territorial interesouse polo impacto da pandemia no negocio e o papel xogado por achegas como esta á hora de manter e recuperar a actividade trala crise ocasionada pola pandemia.

 

Xunto a Zafiro Tours, tamén percibiron financiamento autonómico as axencias Boken Viajes, de Narón -600 euros- e Eume Viajes, de Pontedeume -1.429 euros-.

 

Con este novo pulo económico a Xunta de Galicia continua a apoiar economicamente ás axencias de viaxes como canle principal de comercialización do destino Galicia, consciente de que son un dos segmentos que máis sufriron coa crise, sobre todo como consecuencia da paralización do tráfico internacional.

 

Un apoio que o Goberno galego leva facendo desde o comezo da crise, sabedor de que as axencias de viaxes son un colectivo fundamental no conxunto das empresas de servizos turísticos, tanto polo seu traballo de visibilización da oferta turística de Galicia como polo seu labor profesional.

Imaxes relacionadas