A Xunta achega aos empresarios do Porriño as distintas liñas activadas este ano para reforzar a competitividade do tecido produtivo

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe no Networking Galicia Empresa con empresarios no Polígono da Granxa onde salientou, entre outras, as posibilidades que ofrecen a convocatoria aberta dos IFI Innova, que facilitan proxectos innovadores de pemes

Pon en valor os préstamos para investimentos estratéxicos que posibilitan a creación de novas instalacións e a mellora das existentes, así como o incremento de capacidade produtiva

Lembra que está activa a liña de préstamos para financiar a operativa das pemes afectadas polos incrementos dos prezos de materias primas e subministracións como consecuencia da invasión de Ucraína
 

O Porriño (Pontevedra), 10 de outubro de 2022  O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe nun networking con empresarios do Porriño no que achegou as distintas liñas activadas este ano pola Xunta de Galicia na procura de reforzar a competitividad de pemes e autónomos no actual contexto económico. 

Neste sentido, Guldrís lembrou que o Goberno galego ten activado este ano unha completa Axenda Financeira que suma máis de 135M€ para dar resposta ás necesidades do tecido empresarial, reforzando o capital e os fondos propios, facilitando o acceso a instrumentos de débeda e ofertando garantías na obtención de crédito.  

Este conxunto de apoios, expuxo o director do Igape, contempla distintas liñas de actuación, algunhas delas aínda activas como é o caso dos préstamos IFI Innova, que teñen aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o vindeiro 31 de outubro. Estes préstamos, aos que se destinaron máis de 5M€ en exercicios anteriores, facilitan proxectos innovadores de pemes. 

Neste contexto, Guldrís salientou que a Axenda Financeira incorpora outros tipos de préstamos como os destinados a investimentos estratéxicos consistentes na creación de novas instalacións e na mellora das existentes, ou no incremento de capacidade produtiva. Cun tipo de xuro con bonificacións de ata o 1,5% con respecto ao de mercado, estes préstamos teñen unha duración de ata doce anos coa posibilidade de incluír carencia.  

Así mesmo, proseguiu o director do Igape, está tamén aberto o prazo de solicitudes dos préstamos para infraestruturas de centros tecnolóxicos e asociacións empresariais; dos centrados en financiar a operativa da industria auxiliar do naval; e daqueles que financian a operativa de industrias afectadas polo incremento de prezo de materias primas e subministracións como consecuencia da invasión de Ucraína por Rusia. 

“Estas liñas de axuda, e outros programas xa levados a cabo ao longo deste ano, configuran unha completa Axenda Financeira que supón un decidido esforzo de adaptación ao escenario actual na nosa continua aposta por facilitar o financiamento do tecido empresarial galego”, subliñou Guldrís, quen sinalou que “a mellora competitiva do tecido produtivo galego é unha prioridade, máis, se cabe, na situación económica actual”.  

Nesta liña, concluíu, no último lustro, entre outros actuacións neste ámbito, reavaláronse operacións por máis de 40M€, impulsouse unha liña específica de préstamos IFI Covid que sumou máis de 8M€, fomentáronse investimentos estratéxicos por valor de case 16M€; ou facilitáronse préstamos directos por outros 30M€.