Galicia e Portugal traballan conxuntamente na configuración dun destino turístico intelixente
A Cidade da Cultura acolle os foros do proxecto europeo EDIT, liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Galicia ten en marcha no marco deste proxecto dúas iniciativas de Big Data para coñecer e xestionar os fluxos turísticos e de control e xestión das visitas á Catedral de Santiago
O proxecto EDIT permitirá a normalización dos datos procedentes de sensores instalados en Galicia e no norte de Portugal
Un dos obxectivos da colaboración é a xestión sostible dos recursos turísticos a partir do procesamento dos datos con tecnoloxías intelixentes
Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2022 O edificio Fontán da Cidade da Cultura acolle entre hoxe e mañá os foros do proxecto “Eurorrexión destino turístico intelixente” (EDIT) liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e financiado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
No proxecto EDIT participan, ademais, a Axencia Turismo de Galicia, Turismo do Porto e Norte de Portugal, a Universidade do Minho, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo e a asociación CCG/ZGDV Centro de Computación Gráfica.
Entre os obxectivos do proxecto EDIT está o de normalizar os datos procedentes de sensores de Galicia e o Norte de Portugal que permitan controlar, analizar perfiles e xestionar os fluxos turísticos. Tamén permitirá a xestión sostible do turismo, xa que permitirá coñecer os momentos nos que un determinado recurso poida estar saturado ou en risco de estalo.
Dúas actuacións en marcha en Galicia
No marco do proxecto EDIT, a Xunta de Galicia ten en marcha a construción e posta en marcha do sistema de información intelixente de turismo de Galicia, por un importe de cerca de 650.000 euros. O sistema permitirá á Axencia Turismo de Galicia dispoñer de información analítica avanzada, mediante o uso da tecnoloxía BigData, sobre gasto turístico, reservas turísticas, ocupación, mobilidade ou sentimento e opinión de turistas e cidadáns.