A Xunta publica as axudas a entidades sociais para a adquisición de vehículos adaptados dotada con 3,6 M€

A contía máxima da axuda será de 50.000 euros por vehículo e deberán adquirirse no 2023

As entidades beneficiarias, do ámbito da atención a maiores e persoas con discapacidade, poderán solicitar un anticipo de ata o 100% da subvención concedida
 

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2022  O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a orde de axudas a entidades sociais para a adquisición de vehículos adaptados de emisión cero, eco ou de etiqueta C verde, dotada con 3,6 millóns de euros. Estas axudas están dirixidas a organizacións que traballan no ámbito da atención de persoas maiores e persoas con discapacidade. 

Esta nova convocatoria recolle que a contía máxima da axuda será de 50.000 euros por vehículo. Así mesmo, as entidades beneficiarias poderán solicitar un anticipo de ata o 100% da subvención concedida para facilitar que as asociacións conten con liquidez antes de facer fronte a adquisición do vehículo. 

A posta en marcha desta liña de axudas obedece ao compromiso do Goberno galego coa mellora da atención aos maiores e ás persoas con discapacidade. Deste xeito, a Administración autonómica favorece por un lado a compra de medios de transporte que respecten o medio ambiente e, por outro, axudan as entidades sociais no seu traballo diario a favor das persoas dependentes.