A execución das obras na Ponte Ceilán, nos concellos de Noia e de Outes, fará necesario o corte dun carril o luns e o martes

Para facilitar a mobilidade dos usuarios da estrada, haberá tráfico alternativo regulado con sinais, entre as 9 e as 20 horas do luns e do martes

Este corte de carril é preciso para retirar os antigos báculos de alumeado e realizar a cotinuación os traballos de cableado

A intervención, cun investimento da Xunta de 500.000€, comezou en setembro e reforzará a seguridade dos peóns mediante a substitución da varanda por unha nova

A actuación tamén incluirá a optimización da eficiencia enerxética da ponte ao renovar a iluminación apostando pola tecnoloxía LED

A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica co fin de proporcionar unhas estradas seguras e eficientes aos cidadáns
 

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2022  A execución das obras de conservación da Ponte Ceilán, na estrada AC-550 ao paso polos concellos de Noia e de Outes, fará necesario habilitar un corte de carril dende o luns e o martes. 

Co obxectivo de seguir avanzando nestes traballos iniciados en setembro e retirar agora os antigos báculos de alumeado para continuar logo co cableado, é preciso efectuar este corte de carril. 

Para facilitar a mobilidade dos usuarios da estrada, haberá tráfico alternativo regulado con sinais, entre as 9 e as 20 horas do luns e do martes. 

A Xunta continúa progresando nestas actuacións, iniciadas en setembro e que suporán un investimento autonómico de máis de 500.000 euros. 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade actúa nesta ponte, situada no punto quilométrico 69 da vía autonómica que une os municipios de Noia e de Outes, co fin de aumentar a seguridade dos peóns mediante a substitución da varanda por unha nova. 

A varanda virá xa fabricada e pintada do taller en tramos de 6 metros co fin de proceder á súa instalación de xeito rápido. 

Antes do desmonte da varanda actual, realizarase unha limpeza dos restos vexetais nos bordos exteriores das beirarrúas do taboleiro e na cara horizontal da imposta. Esta acción é necesaria para a correcta execución dos traballos posteriores. 

Ademais, procederase á optimización da eficiencia enerxética da ponte mediante a substitución da iluminación existente por outra con tecnoloxía LED.  

A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica co fin de proporcionar unhas estradas seguras e eficientes aos cidadáns.