A Xunta destaca o potencial deportivo de Galicia na entrega de premios da II Edición do Circuíto de Golf Tur43

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na entrega de premios onde destacou a importancia que ten este deporte na nosa comunidade, xa que permite desestacionalizar a oferta turística e ofertar natureza e lugares non masificados

Esta competición, organizada polo periódico dixital de turismo especializado TUR 43, recalou na súa segunda edición en cinco campos da España Verde e, por primeira vez, tamén en Portugal

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2022  A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a importancia que ten o golf na nosa comunidade, xa que permite desestacionalizar a oferta turística e ofertar o que actualmente están a demandar os viaxeiros, que son natureza e lugares non masificados

Nava Castro  participou esta tarde na entrega de premios da II edición Circuíto de Golf TUR 43, onde fixo fincapé en que este deporte permite potenciar e facer visible as bondades de Galicia. “Grazas a este deporte, podemos fomentar o turismo de natureza, poñendo en valor as paisaxes, as variedades vitivinícolas coas que contamos e, por suposto, a nosa espectacular gastronomía”, indicou a directora de Turismo de Galicia.
 
A través desta competición, na que colabora a Xunta de Galicia, búscase promocionar as comunidades da España Verde e Portugal como destinos de golf, así como a riqueza cultural, paisaxística e gastronómica que albergan, fomentando o fluxo de xogadores entre os distintos recunchos da Península Ibérica.
 

Esta competición, organizada polo periódico dixital de turismo especializado TUR 43, recalou na súa segunda edición en cinco campos da España Verde e, por primeira vez, tamén en Portugal. O Circuíto ofrece aos seus xogadores a posibilidade de conseguir grandes premios como estancias en aloxamentos únicos, experiencias culinarias en restaurantes, produtos premium e moitas outras opcións de lecer e cultura.

 

O golf, xunto con outras moitas competicións deportivas, permiten seguir impulsando a Galicia como un destino turístico deportivo de excelencia, algo polo que a Xunta fixo unha firme aposta mediante o seu Plan Director Turístico.