O presidente do Goberno galego asiste ao IX Encuentro Estatal de Familias de Acogida que se celebra esta fin de semana en Santiago

A Xunta aprobará nas vindeiras semanas o primeiro Plan de impulso ao acollemento familiar de Galicia para promover esta fórmula de protección dos menores

Destaca que se incrementará un 20% a axuda que reciben as familias de acollida para a manuntención dos pequenos

Reforzarase o acollemento con novos programas e haberá campañas para ampliar a rede de familias dispostas a axudar aos nenos en situación de desamparo

Galicia conta con preto dun millar de familias de acollida
 

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2022.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai aprobar nas vindeiras semanas o primeiro Plan de impulso ao acollemento familiar de Galicia, co obxectivo de promover esta fórmula de protección dos menores en situación de desamparo. “É o camiño a seguir. Queremos que o acollemento sexa máis coñecido e medre”, sinalou durante o IX Encuentro Estatal de Familias de Acogida que se celebra esta fin de semana en Santiago de Compostela.

 

Rueda resaltou que a posta en marcha deste Plan suporá “un incremento do 20%” na axuda que reciben as familias acolledoras para a manutención dos pequenos así como novos programas especializados no ámbito do acollemento e campañas específicas para aumentar a rede de familias acolledoras.

 

Galicia conta na actualidade con preto de mil familias que participan nos programas de acollemento que a Xunta ten en marcha xunto a entidades como Cruz Vermella, Acougo e Aldeas Infantiles. Á hora da acollida o sistema guíase polo interese supremo do menor. Por iso, á hora de seleccionar o novo fogar do pequeno, teranse en conta aspectos como que non se alonxe do seu actual domicilio, que non teña que cambiar de colexio ou que poida convivir con outros rapaces da súa idade. Por iso, Rueda fixo fincapé no obxectivo de que medre o número de persoas dispostas a acoller para facilitar que mais nenos en desamparo poidan vivir cunha familia e non nun centro residencial.

 

O presidente da Xunta agradeceu o labor fundamental que realizan as familias de acollida -as que calificou de “aliadas” das Administracións na protección dos menores- e lembrou que o Executivo autonómico conta con diferentes medidas para identificar e previr posibles situacións de desprotección nos menores. Rueda puxo de exemplo Teléfono do Menor -que permite alertar, identificar e asesorar no caso dalgún risco- ; as 400 prazas de apoio socioeducativo que a Xunta ofrece a nenos en risco de desamparo; o Programa de Integración Familiar ou os oito Puntos de Encontro que hai espallados pola comunidade para garantir un réxime de visitas seguro. Ademais, cando xa está detectado un problema de desprotección -na actualidade hai 2.500 nenos baixo a tutela ou garda do Goberno galego-, a Xunta conta cunha rede de centros de menores e programas de acollida con diferentes entidades sociais.

 

O IX Encuentro Estatal de Familias de Acogida, organizado pola Asociación Galega de Familias de Acollida e a Asociación Estatal por el Acogimiento Familiar, reúne este fin de semana en Santiago a familias de toda España. Baixo o lema Xacobeo. Camiñando pola diversidade familiar realizarán diferentes actividades lúdicas centradas na cultura galega e o Camiño de Santiago.

Imaxes relacionadas