A Xunta licita por máis de 370.000 € a humanización do núcleo rural de Moreiras no Concello de Toén

Os traballos, cun prazo de execución dun ano, inclúen a creación dun espazo público con 12 prazas de aparcamento, a construción de ramplas accesibles con miradoiros e escaleiras e unha senda peonil


Esta actuación enmárcase no plan Hurbe, que permitiu levar a cabo neste municipio outras dúas intervencións urbanísticas nos últimos anos
 

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2022 A Xunta de Galicia vén de licitar o proxecto de humanización e mellora da accesibilidade no núcleo rural de Moreiras por máis de 370.000 euros.

 

Os traballos, cun prazo de execución dun ano, inclúen a creación dun novo espazo público que incluirá 12 prazas de aparcamento, a construción de ramplas accesibles con miradoiros e escaleiras e unha senda peonil.

 

Ademais, o proxecto tamén prevé outras melloras que incidirán na imaxe xeral do núcleo, como a ampliación dunha das súas rúas, a de Patín, ata acadar os 8 metros, a renovación do alumeado público con balizas e luminarias, ou a recollida das augas pluviais para o seu uso no rego e a conexión desta rede co saneamento municipal.

 

Por último, tamén está prevista a recuperación de vexetación e árbores, con plantación de especies autóctonas, e a posta en valor de elementos existentes na contorna, como as minas de auga, un lavadoiro ou os muros de pedra do núcleo.

 

Este proxecto levarase a cabo no marco do plan Hurbe, unha iniciativa posta en marcha pola Xunta en 2010 para promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos rurais con criterios de sustentabilidade económica, medioambiental e social; así como mellorar os equipamentos e dotacións, aumentando a variedade e elevando os niveis de servizos co fin de incrementar o atractivo das vilas e dos núcleos rurais galegos.

 

Así, nos últimos anos o departamento autonómico e o Executivo local impulsaron xuntos tamén a urbanización da praza de Moreiras, rematada no ano 2011 e na que se investiron máis de 176.000 euros, e a finais do ano pasado culminaron outra actuación no espazo público de Mugares, cofinanciada entre ambas administración por 85.000 euros.

 

A modo xeral, grazas a esta iniciativa, dende 2010 a Xunta comprometeu máis de 162 millóns de euros para o financiamento de máis de 380 intervencións urbanísticas en decenas de concellos, para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.