A Xunta saca a licitación a xestión do programa Mentor, que favorece a autonomía dos mozos tutelados

Esta iniciativa leva preto de 25 anos promovendo a inserción laboral de rapazas e rapaces maiores 16 anos que están no sistema de protección da Administración autonómica
 

O novo contrato, contando con posibles prórrogas e modificación pode ascender a 19,8 millóns de euros
 

O prazo para a presentación de proxectos remata o 17 de outubro
 

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2022

  A Xunta de Galicia publica na Plataforma de Contratación a licitación da xestión do programa Mentor, que leva preto de 25 anos promovendo a autonomía de mozos e mozas tuteladas pola Administración autonómica. No 2021 este programa traballou con máis de 630 rapazas e rapaces de entre 16 e 21 anos para favorecer a súa inserción sociolaboral.

O novo contrato, que será financiado pola Consellería de Política Social e Xuventude e o Fondo Social Europeo, estará vixente inicialmente ata o 31 de decembro 2025, pero poderá prorrogarse ata xullo de 2028. Deste xeito, contando con posibles prórrogas e modificacións, o valor podería ascender a 19,8 millóns de euros. O prazo para a presentación de proxectos remata o 17 de outubro.
 

O programa Mentor traballa de maneira transversal coas mozas e mozos tutelados. A través del, establécense plans de vida independentes, para garantir a estabilidade que precisan; realízase un acompañamento nos primeiros pasos e un seguimento da súa situación; impúlsase a formación e o acceso ao mercado laboral; e achéganselles os recursos e estratexias necesarias para que a súa independencia se manteña no tempo.

 

En Galicia hai máis de 2500 rapaces nos sistema de protección, sexa nun centro ou nunha familia acolledora, figura que na nosa comunidade é prioritaria. No momento que a Administración autonómica exerce a súa garda ou tutela trabállase para achegarlle de todo o necesario.

Imaxes relacionadas