A Policía Autonómica esclarece en colaboración con axentes ambientais un incendio forestal no concello pontevedrés de Ponteareas

Como resultado detívose unha persoa reincidente que foi detectada nas inmediacións do punto de inicio do lume

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva detidas ou investigadas 48 persoas como presuntas autoras de incendios forestais

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2022

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica en Vigo en colaboración con axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) veñen de esclarecer o incendio forestal rexistrado o 28 de agosto no concello de Ponteareas. O lume produciuse na parroquia de Cristiñade e afectou 300 metros cadrados de superficie arborada.

 

Como resultado detívose unha persoa que xa fora detida por feitos similares en épocas anteriores. As dilixencias iniciáronse grazas á información achegada polos axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural, así como pola colaboración cidadá, xa que a persoa presunta autora foi detectada nas inmediacións do punto de inicio do lume.

 

O atestado policial foille remitido ao Xulgado de Instrución Número 1 de Ponteareas.

 

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva detidas ou investigadas 48 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.

 

A Xunta continúa apelando á concienciación e á prudencia de cara a evitar incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.