Xunta e Concello de Ferrol avalían nunha reunión de traballo a necesidade de axilizar as licenzas municipais e o plan de dinamización do Rexurbe

No encontro, que tivo lugar esta mañá, participaron a delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros; o director do IGVS, Heriberto García; o alcalde da cidade, Ángel Mato, e os concelleiros de Urbanismo e Benestar Social
 

Entre outros temas, tratouse tamén a importancia de levar a cabo actuacións no barrio de San Pablo

Ferrol, 7 de outubro de 2022

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, mantivo esta mañá un encontro de traballo co alcalde de Ferrol, Ángel Mato na que se abordaron diferentes temas de interese para a cidade.

 

Durante a reunión, na que tamén estiveron presentes o xefe do servizo técnico do IGVS na Coruña, Valeriano Rosales, e os concelleiros de Urbanismo, Julián Reina, e Benestar Social, Eva Martínez, abordouse a necesidade de axilizar as licenzas municipais para a construción de vivenda protexida no ámbito da área Rexurbe, así como o plan de dinamización asociado a ela.

 

Neste documento, que ten que ser redactado polo Concello, deben recollerse as medidas de dinamización social, demográfica e económica a levar a cabo e que van aparelladas á recuperación edificatoria e urbanística, así como o custo estimado das actuacións e as fontes de financiamento.

 

A importancia de levar a cabo actuacións de rehabilitación no barrio de San Pablo foi outro dos temas que se trataron na reunión. Neste punto, dende a Xunta se lles recordou aos representantes municipais a posibilidade de que soliciten para iso actuacións a nivel de barrio. Ademais analizouse a situación de diferentes espazos libres de titularidade do IGVS na cidade.

Imaxes relacionadas