A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe o remate das obras do colector interceptor e tanque de tormentas e da ampliación da depuradora deste municipio coruñés

Ethel Vázquez subliña a culminación do proceso de renovación do sistema de saneamento e depuración das augas residuais de Rianxo tras un investimento de 14 M€ e máis de 10 anos de traballo

As novas infraestruturas hidráulicas quintuplican a capacidade de tratamento das augas residuais na actual depuradora e reducen nun 85% os vertidos de auga sen depurar en tempo de choiva, acadando a eliminación total en tempo seco

 

A Xunta executou o novo colector interceptor de 1.380 metros baixo o paseo, totalmente acondicionado de novo e ao servizo dos veciños, ademais dun tanque de tormentas soterrado con 700m³, que está a permitir xa regular o caudal que chega á depuradora


Ampliouse a depuradora, adecuando a capacidade de tratamento ás necesidades reais do municipio, un caudal medio duns 3.500 m³/día e mellorando a eficacia do seu funcionamento

Rianxo (A Coruña), 7 de outubro de 2022 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez,  subliñou hoxe a culminación do proceso de renovación do sistema de saneamento e depuración das augas residuais de Rianxo tras un investimento de 14 M€ e máis de 10 anos de traballo .

 

Vázquez Mourelle achegouse hoxe ata Rianxo para, xunto con técnicos responsable das obras, supervisar de primeira man o resultado do remate das obras impulsadas pola Xunta, do colector interceptor e tanque de tormentas e da ampliación da depuradora deste municipio.

 

A conselleira subliñou que estas dúas obras paralelas se desenvolveron co obxectivo de solucionar as importantes deficiencias do sistema de saneamento de depuración de Rianxo e as consecuencias tan negativas que ten na calidade das augas da ría de Arousa.

 

Grazas a estas obras, quintuplícase a capacidade de tratamento das augas residuais na actual depuradora e conseguiuse garantir a ausencia de vertido de auga sen depurar en tempo seco, ademais de acadar redución nun 85% dos vertidos de auga non depurada en tempo de choiva.

 

Ethel Vázquez precisou que para acadar a renovación, mellorar e fortalecer o sistema de augas residuais desde municipio a Xunta impulso, dunha banda a construción dun novo colector interceptor de 1.380 metros, con maior capacidade que o actual, que se executou baixo o paseo, quedando totalmente acondicionado de novo e ao servizo dos veciños.

 

Indicou que esta actuacións completou coa construción dun tanque de tormentas soterrado con 700 m³, que está a permitir xa regular o caudal que chega á depuradora, almacenando as augas, fundamentalmente de choiva, antes de ser bombeadas á depuradora, a través dun pozo de bombeo, contiguo ao tanque.

 

En segundo lugar, engadiu a conselleira, levouse a cabo outra gran obra de ampliación da depuradora, para adecuar a capacidade de tratamento ás necesidades reais do municipio, acadando un caudal medio de case 3.500 m³/día, e mellorar a eficacia do seu funcionamento.

 

Para iso, apuntou, construíronse dúas liñas de tratamento de auga independentes, das cales cada unha recibe a metade do caudal e a somete a unha depuración completa e modernizada, contando, ademais, cunha liña de pre-tratamento común.

 

Estas obras da ampliación da depuradora executáronse en dúas fases, de forma que foi posible que o proceso de tratamento das augas es mantivese en marcha de forma ininterrompida: na primeira fase construíuse a 1ª liña de tratamento e na segunda procedeuse á demolición e desmontaxe das vellas instalacións para executar a 2ª liña. E, tamén, executouse unha impulsión desde o novo tanque.

 

Ethel Vázquez fixo fincapé en como todo este gran proxecto de mellora do sistema de saneamento e depuración en Rianxo está agora na súa recta final, pois as obras, tanto do colector interceptor e do tanque de tormentas como de ampliación da depuradora están rematadas.

 

Avanzou que, actualmente, unicamente resta por culminar a fase de posta en marcha da segunda fase da actuación da depuradora, que está previsto finalizar no mes de decembro para a súa entrega, a continuación, ao Concello, como xa fixo a Xunta co colector e o tanque.

 

Puxo o acento que a entrega desta nova infraestrutura supón contar con boas instalacións, algo tan importante como xestionalas de xeito axeitado, e único xeito de darlle sentido a todo o esforzo técnico e económico realizado pola Xunta para apoiar ao Concello.

 

A conselleira remarcou como este conxunto de intervencións da Xunta teñen como obxectivo axudar a este Concello a exercer con máis eficacia as súas competencias exclusivas sobre os servizos urbanos da auga, enmarcándoas na mesma liña de traballo que segue o Goberno galego desde o ano 2009, cun investimento de máis de 1.100 M€.

Ethel Vázquez, tamén lembrou que estas obras son parte dese Plan de saneamento local da ría de Arousa, que conta con financiación do programa operativo europeo FEDER, e que a Xunta empezou a elaborar hai máis de 10 anos, coa finalidade de protexer a calidade das augas e, dese xeito, preservar o medio natural, mellorar a calidade de vida dos veciños desta vila e blindar o futuro dos profesionais do mar.

 

Imaxes relacionadas