O conselleiro Román Rodríguez, o alcalde José Luis Martínez-Almeida e a responsable da Área de Cultura Andrea Levy inauguran xunto co artista a exposición que poderá verse durante este outono
A Xunta leva o traballo escultórico de Manolo Paz ás rúas de maior relevancia artística de Madrid
O proxecto expositivo ‘A distancia que nos une’ poderán verse ata decembro no Paseo de Recoletos, a Praza de Cibeles, o Paseo do Prado ou o Museo Tyssen-Bornemizsa
“Coa inauguración desta mostra dun dos nosos mellores embaixadores culturais traemos un anaco de Galicia e da nosa tradición artística ante visitantes de todo o mundo”, expresa Román Rodríguez
A itinerancia é posible grazas a un proxecto colaborativo entre a Xunta de Galicia, o Concello de Madrid e a galería de arte madrileña Max Estrella
Madrid, 7 de outubro de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; o alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, e a responsable da Área de Cultura, Turismo e Deporte do Concello de Madrid, Andrea Levy, participaron hoxe xunto co artista Manolo Paz na inauguración de A distancia que nos une, un proxecto do escultor cambadés que a Xunta de Galicia leva á capital de España. Trátase dunha iniciativa que se poderá ver este outono nas rúas de maior relevancia artística da cidade tras o éxito acadado por unha proposta similar este verán en Santiago de Compostela.
A distancia que nos une poderá verse en Madrid grazas ao apoio da Consellería de Cultura e da Axencia Turismo de Galicia no marco da celebración do Ano Santo como unha oportunidade para promocionar a cultura galega dentro e fóra do territorio e a través dun proxecto colaborativo entre a Xunta de Galicia, o Concello de Madrid e a galería de arte madrileña Max Estrella.
Así, ata o mes de decembro as pezas do escultor cambadés permanecerán integradas na paisaxe arquitectónica do eixo do Paseo do Prado e o Paseo de Recoletos en espazos simbólicos para a cultura como son a praza do Concello de Madrid, os xardíns do Museo Thyssen-Bornemisza ou as inmediacións do Museo do Prado, a Biblioteca Nacional ou o Banco de España.