Fernández-Tapias participa na xornada informativa da asociación doa polo Día mundial da Saúde Mental

A delegada territorial de Xunta en Vigo destacou a importancia da “busca de solucións para un problema que afecta especialmente en idades temperás”

Vigo, 7 de outubro de 2022 A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este venres na xornada organizada pola Asociación DOA con motivo da celebración o vindeiro 10 de outubro do Día Mundial da Saúde Mental. O colectivo vigués instalou unha mesa informativa no hall da delegación do Goberno galego na cidade.  

Segundo informou a representante autonómica, a Xunta ten un orzamento de 83 millóns de euros do Plan de Saúde Mental de Galicia Poscovid-19, cuxo obxectivo principal é realizar accións que melloren a asistencia dos trastornos mentais, así como diminuír o impacto destas doenzas, tanto nas persoas que as sofren, como nos seus achegados. “O Goberno galego está absolutamente implicado na busca de solucións para un problema que afecta a nosa sociedade como son os problemas mentais, especialmente en idades temperás”, sinalou Fernández-Tapias. 

Ao longo dos vindeiros días haberá diferentes actos para conmemorar a xornada internacional da Saúde Mental en Vigo, Moaña e Cangas. Ademais, a Casa do Patín de Bouzas acolle, ata o 14 de outubro, unha exposición retrospectiva coa cartelería do Día Mundial, e a Capela do Hospital (Alameda Vella de Cangas) tamén ten aberta a mostra “Inputs – Pániko na Capela” ata o 16 de outubro.