Martina Aneiros pon en valor ‘O Parrochiño Urban Games’ que se celebra esta fin de semana á hora de incrementar o contido turístico da marca Ferrol

Ferrol, 6 de outubro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta tarde, no peirao de Curuxeiras, na presentación do festival ‘Parrochiño Urban Games’, un evento que axuntará deporte, arte urbano e música durante esta fin de semana no Porto de Ferrol.

 

Na súa intervención destacou que esta iniciativa, organizada por Andar Producciones, co respaldo da Xunta de Galicia e a Autoridade Portuaria de Ferrol, “chega para incrementar o contido turístico da marca Ferrol coa fin de conectar co público xuvenil a través de propostas como a escalada olímpica ou o skateboard, modalidades deportivas como o skate-surf ou propostas musicais urbanas como o hip-hop”.

 

Aneiros puxo este festival como exemplo da aposta da Xunta, este Ano Santo, por unha programación descentralizada e desestacionalizada, que “permita facer partícipes a todas as comarcas galegas da reactivación do sector turístico tras dous ano de pandemia” e mostrou o seu convencemento de que o evento conta “con todos os ingredientes para triunfar”.

Imaxes relacionadas