A Xunta financia con preto de 183.000 euros proxectos de cinco entidades de Ferrolterra a través do GALP Golfo Ártabro Norte

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá as instalacións da Confraría de Pescadores de Barallobre, beneficiaria dunha achega de máis de 100.000 euros
 

O pósito fenés adquiriu un tractor, un dron de vixilancia e unha furgoneta isoterma para o traslado de mercadoría

Fene (A Coruña), 6 de outubro de 2022

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do patrón maior Jorge López, visitou esta mañá as instalacións da Confraría de Pescadores de Barallobre, en Fene, para coñecer o novo equipamento adquirido pola entidade ao abeiro dun proxecto do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte aprobado no marco da convocatoria de 2022 de achegas para estes grupos de dinamización das zonas costeiras.

 

A entidade é unha das cinco beneficiarias en Ferrolterra da liña de axudas deste GALP para o  desenvolvemento de proxectos non produtivos e que en conxunto supuxo unha inxección de preto de 183.000 euros na zona. Xunto á Confraría de Pescadores de Barallobre tamén resultaron beneficiarias as confrarías de Ferrol, Mugardos e Ares; así como o club de piragüismo KDM Cabanas.

 

O pósito fenés adquiriu un tractor, un dron para os labores de vixilancia e control do furtivismo e unha nova furgoneta isoterma para o traslado dos produtos do mar con todas as garantías sanitarias. O investimento ascendeu a preto de 130.000 euros, dos que 106.000 se corresponden á axuda pública concedida.

 

Grupos de acción local do sector pesqueiro

Os actuais grupos de acción local do sector pesqueiro dan continuidade aos antigos grupos de acción costeira (GAC) e son asociacións sen ánimo de lucro colaboradoras da Consellería do Mar como axentes de desenvolvemento na aplicación da estratexia de desenvolvemento local participativo da zona pesqueira e na xestión e control das axudas que se tramitan para o desenvolvemento desa estratexia.

 

A actividade dos oito grupos que hai en Galicia dentro do programa operativo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) -os municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal están adscritos a dous: o GALP A Mariña-Ortegal e o GALP Golfo Ártabro Norte- contribúe a mellorar a transformación, comercialización e posta en valor das producións pesqueiras, ao desenvolvemento dun sector turístico sustentable, á creación de empresas e á xeración de emprego e á diversificación do sector a través de iniciativas complementarias da actividade pesqueira como o turismo mariñeiro. Tamén favorece a conservación e a valorización do patrimonio natural e cultural marítimo-pesqueiro.

 

Os GALP de Galicia desenvolveron máis de 660 iniciativas entre a primeira convocatoria de axudas no ano 2016 e o 2021. Estes proxectos contaron con máis de 38 millóns de euros de axuda pública e catalizaron preto de 43 millóns de euros de investimento privado, o que supuxo un investimento total de máis de 80 millóns de euros.

 
 

DISTRIBUCIÓN DAS AXUDAS DO GALP GOLFO ÁRTABRO NORTE NA LIÑA DE PROXECTOS NON PRODUTIVOS

 
PROXECTO
BENEFICIARIO
IMPORTE

Mellora da actividade marisqueira

Confraría de Pescadores de Barallobre

106.558,80

Automóbiles para a mostraxes e vixilancia, escáner e impresora

Confraría de Pescadores de Ferrol

45.546,02

Mellora da actividade pesqueira e marisqueira

Confraría de Pescadores de Mugardos

5.015,26

Instalación de cámaras de seguridade na nave do porto

Confraría de Pescadores de Ares

9.164,00

Dragon boat no Golfo Ártabro

Cabanas KDM
16.379,76
TOTAL
 

182.63,84 €

Imaxes relacionadas